A Foliada Redondela’09 é un festival de intercambio cultural entre Galiza e Catalunya que se vén celebrando desde o ano 2003. O principal obxectivo do encontro é o de mostrar, demostrar e mesturar elementos da cultura popular e acción social dos dous países. Cada ano se celebra alternativamente nunha vila galega e no barrio barcelonés de Nou Barris, onde nace a idea orixinal da Foliada. Este ano é a Vila dos Viadutos a encargada de albergar o Festival.
O día 11 de setembro, Redondela acollerá a chegada de case 200 cataláns que chegarán á vila para participaren activamente no evento. Músicos, artistas de circo, activistas da bicicleta, cociñeiros, malabaristas, fotógrafos, actores e demais artistas ocuparán as rúas da Vila para se mesturaren coa parte galega, non menos numerosa e diversa. A fin de semana do 11, 12 e 13 de setembro será para Redondela e Galiza un foco de creación e difusión cultural.
A Foliada Redondela’09 preséntase como un espazo para o intercambio, a reflexión e a acción. En cada edición, a vila organizadora aporta a súa propia visión do evento convertendo ao Festival nun auténtico proceso que vai madurando co paso dos anos. Nesta ocasión, os organizadores pretenden combinar a festa co intercambio e a reflexión sobre dúas temáticas que nos afectan no cotiá, como son os hábitos de consumo e a mobilidade. Neste sentido, varias das actividades propostas pivotan sobre estas temáticas.
Nos tres días do Festival hai planificadas actividades diversas para todas as idades e condicións. A partir do venres 11 pola tarde, o público poderá gozar do programa: desde obradoiros de xoguetes reciclados ata sesións jam de masaxes e aloumiños, pasando por concertos (Tres Trebóns, Herederos del Taxi ou Trasnos de Moscoso), xantares abertos a todo o público, roteiros, encontros de colectivos, ruadas de
diables e
correfocs, xogos populares, futbolín humano ou un serán mestizo. A Foliada Redondela’09 pretende ser unha xanela aberta á cultura popular e á reflexión social.
O Festival está organizado tanto por colectivos e individuos galegos como por cataláns que se veñen reunindo desde o mes de febreiro. A financiación da Foliada conta coa axuda económica da Generalitat de Catalunya e do Concello de Redondela e, nunha gran parte, froito da autoxestión.
Programación da Foliada Redondela 09 Venres 11 de Setembro Ás 12 h. Acollida e presentación da Foliada 09. Animación de rúa a cargo dos Croquetas.
Ás 14 h. Xantar acollida amenizado polos Croquetas.
Ás 16 h. Actuación dos Veraneantes.
A partir das 17 h. Comezo dos
obradoiros no campo da Feira.
- Fabricación de xabón a partir de aceite reciclado.
- Elaboración de pancartas reivindicativas.
- Reparación de bicicletas.
- Elaboración de cruces reinvindicativas.
- Elaboración de porterías para o futbolín humano.
Ás 18 h. Encontro sobre outras posibilidades de alimentarnos, producir e/ou consumir no Multiusos da Xunqueira.
Ás 19 h. Inauguración simbólica dunha parada de autobús na Praza da Constitución e a continuación intervención teatral dos Oprimidos.
A partir das 20 h. Animación de rúa a cargo dos Veraneantes
Ás 21 h. Cea
A partir das 22 h. Concertos no anexo do campo de fútbol do Choco:
- Tok (Redondela)
- Es molt Band (NB)
- Trasnos de Moscoso (GZ)
- Mas Kintos (NB)
- DJ
Sábado 12 de Setembro 9-11 h. Almorzo
Á partir das 10 h saída de autobuses para o Roteiro pola zona onde está proxectada a Autovía e encontro de mobilidade incluído dentro do roteiro.
A partir das 11 e durante toda a xornada no campo da Feira. - Feira de produtos locais e/ou ecolóxicos.
- Feira de artesanía.
- Feira de entidades.
De 11 h a 14 h. Feira de troco no campo da Feira.
Ás 12 h. Encontro de colectivos de consumo alternativo no Multiusos da Xunqueira.
A partir das 12. Animación de rúa a cargo da Charanga do Metal.
Ás 14 h. Xantar popular
Á partir das 17 h. - No campo da Feira:
- O xogo da Coca
- No paseo da Xunqueira xogos populares Galegos:
- O xogo da Billarda
- Peóns
- Arrebolamento de sacho
- Na alameda:
- Obradoiro de Circo Social
- Futbolín humano (ao lado do palco)
- Variado de xogos tradicionais galegos (corda, sacos, chaveā¦)
A partir das 17:30 h. - No campo da Feira.
- Obradoiro de fabricación de xoguetes.
- Obradoiro de reciclaxe.
- Obradoiro de fabricación de sombreiros. Tempo de xogos.
- Escalabirras.
- Na Casa do Mar.
- Pintada dun mural de mobilidade
Ás 19 h. Encontro de locais sociais no Multiusos da Xunqueira.
A partir das 20:30. Animación de rúa a cargo das gaiteiras da Lúa Meiga seguido de un obradoiro de baile tradicional galego.
A partir das 21 h. Serán mestizo acompañado de pincho nocturno.
As 23:30 h. Diables e
correfocs Xa de madrugada. Concertos no anexo do campo do fútbol do Choco:
- Herederos del taxi (NB)
- Os Tres Trebóns (GZ)
- DJ Can de Palleiro (NB)
Domingo 13 de Setembro 9 – 11 h. Almorzo
Ás 10 h. Visita a Illa de S. Simón e conferencias sobre a Rede Natura 2000.
As 12 h. Sesión de masaxes e taller de aloumiños (Pavillón Meendinho)
A partir das 14 h. Xantar despedida e avaliación.
Actividades permanentes - Exposicións
- Taller de autorreparacion de bicicletas (Cafetería Guay)
- Hortas comunitarias de Can Masdeu + documental “Soja tour” (Multiúsos da Xunqueira)
- Exposición centro social Can Masdeu (Multiusos da Xunqueira)
- Retrospectiva de la foliada 2008 en Nou Barris (DiscoTasca)
- Obradoiro de personalización de camisetas (Campo da Feira)
- Fotomatón (Campo da Feira)
- Anxeles tal como somos (Multiusos)
- Feira de produtos locais e /ou ecolóxicos (Sábado todo o día)
- Feira de entidades (Sábado todo o día)
- Feira de artesanía (Sábado todo o día)
- Obradoiro audiovisual
- Proxección de audiovisuais e Fotomatón durante os concertos