Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate parlamentario

Feijoo promete "máis gasto social", e a oposición ve o "desmantelamento" dos servizos públicos por "ideoloxía"

O presidente promete "presupostos reais que prescindan do superfluo". "Especialista en paralizar o país", dille o PSdeG. "Vostede non contrata, despide", aponlle o BNG.

Redacción - 14:00 09/09/2009
Alberto Núñez Feijoo, nunha intervención no Parlamento

Alberto Núñez Feijoo, nunha intervención no Parlamento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que no orzamento de 2010 "vai aumentar o seu peso" o gasto social para ofrecer servizos públicos "de calidade e eficientes". En resposta aos voceiros da oposición no pleno do Parlamento, Feijoo asegurou que elaborará "uns presupostos reais que garantan os servizos públicos e que prescindan do superfluo".

Segundo o presidente, fará "o contrario" ca o bipartito, que xustificou no informe do Valedor do Pobo, que resumiu como "máis gastos que non se pagan e menos calidade" dos servizos. Tamén asegurou que a Xunta incrementou en 28 millóns os recursos para a dependencia para pagarlles a un 25 por cento máis de persoas, que aumentou nun cinco por cento as prazas en escolas infantís e que creou 740 para docentes e 700 para alumnado de Formación Profesional. No referente aos libros de texto, dixo que só son de balde "para as persoas que máis o precisan", o que, ao entender de Núñez Feijoo, "é a gratuidade total".

Críticas da oposición
Porén, o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, e o presidente do grupo socialista, Manuel Vázquez, coincidiron en que os meses de goberno do PPdeG se caracterizaron pola "parálise" e "desmantelamento" dos servizos públicos.

"Leva 150 días sen aprobar unha medida positiva, mais si moitas negativas", recriminou Aymerich, despois de criticar que a "austeridade" derivou nunha "privatización e redución" dos servizos mentres aumentou o gasto "en publicidade e en concertos que segregan o alumnado por sexos". Tamén incidiu en que "tres de cada catro familias teñen que pagar os libros de texto" e o feito de que se recortasen as peonadas e o profesorado dos centros "responde a un plan ideolóxico de desmantelamento dos servizos para pagar favores" e "non á falta de recursos".

Para Manuel Vázquez, Feijoo é "un especialista en paralizar o país" e lamentou o seu "particular ensañamento coas políticas sociais". Despois desta acusación, lembrou as promesas de "café para todos" do líder popular durante a campaña e contrapúxoas coa situación actual.

Tamén recruou o debate na Cámara cando Feijoo lle replicou a Aymerich que non contrataría "militantes do PP" para atender os servizos públicos porque a política social "non consiste en facer máis de 220 contratos en fraude de lei", ao que o voceiro nacionalista lle replicou que "vostede non contrata, despide, e tamén debería facelo coa súa directora xeral de Formación e Colocación", condenada polo despedimento improcedente dunha traballadora do fogar.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: