Un poemario escrito a dúas mans entre Elvira Riveiro e Silvia Penas e outro de Mª Carmen Caramés comparten o galardón ex aequo.
A segunda edición do Victoriano Taibo de poesía premiou dous poemarios e tres autoras, que se repartirán os tres mil euros cos que está dotado o premio. O xurado escolleu como vencedores ex aequo do certame os poemario Cuarto minguante, de María Carmen Caramés Gorgal e Biografía da multitude, escrita a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.
A xornalista Araceli Gonda, a profesora e poeta Marta Dacosta e o profesor e escritor Gonzalo Navaza formaron o xurado. Sobre Cuarto minguante, o xurado sinalou que “nos descobre a dor dunha nai frustrada pola morte prematura do seu fillo, a quen invoca e recorda durante todo o poemario con altura poética e sinceridade”. De Biografía da multitude, o xurado destacou “a vontade de crítica ao sistema e a de construción estrutural para darnos unha visión deste presente que é, en realidade, un abismo que separa o pasado do futuro”.
O certame organízano a Entidade Local Menor de Morgadáns, en Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoranos. Presentáronse 45 poemarios, entre os que o xurado escolleu os dous títulos gañadores. Xunto á dotación económica, as gañadoras recibirán unha escultura do artista do Val Miñor Fino Lorenzo, e as obras serán publicadas na Colección Victoriano Taibo do Instituto de Estudos Miñoranos.