Os nacionalistas pídenlle ao novo Goberno que aposte por un modelo de tratamento similar ao doutros países europeos.
O voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, apostou por dar un xiro na política de residuos. Para o deputado nacionalista chegou a hora de facer unha aposta pola “prevención, reutilización e a reciclaxe”. Considera que na última década quedou claro que o modelo actual de Sogama non é a solución ao problema do lixo.
Logo de visitar as instalacións que a sociedade pública ten en Cerceda, Aymerich defendeu a necesidade de repensar Sogama tomando como modelo a “normativa europea”. Dende a formación frontista subliñan que a centralización do tratamento de residuos trouxo evidentes problemas medioambientais. Dende o BNG cren que os primeiros pasos do novo executivo, en lugar de rectificar, camiñan cara unha maior aposta por seguir co mesmo modelo.