O certame premia á poeta nada en Ribadeo “polo compromiso estético da súa obra literaria”.
Un novo premio recoñece o labor cultural de Luz Pozo Garza. A poeta de Ribadeo foi escollida polo xurado do VIII Premio Ramón Piñeiro “Facer País” como a gañadora dun galardón ao que optaban 35 candidaturas. Luz Pozo convértese na primeira muller que recibe este premio, que se concede a persoas ou entidades galegas destacadas polo seu labor a prol do país.
O xurado destacou de Pozo Garza o “conxunto da súa obra literaria, centrada no compromiso estético e a matización emotiva”. Rita Castedo, directora do CPI Ramón Piñeiro e compoñente do xurado, salientou a traxectoria lírica da poeta, “autora dunha obra non moi intensa pero si moi relevante, na que trata temas universais como o amor, a morte e o paso do tempo”.
"Un gran agasallo"
Aos seus 87 anos, Luz Pozo Garza considera este novo recoñecemento “como un gran agasallo que revela o que me queren en Galiza, un agasallo dobre por levar o nome de Ramón Piñeiro”. Como primeira muller en obter o premio, sinalou que “o recibo en nome de todas as mulleres de Galiza”. O galardón seralle entregado o 17 de outubro en Láncara.
A Asociación Val de Láncara leva oito anos organizando este premio para lembrar a figura do intelectural nacido nesta localidade da comarca de Sarria. Luz Pozo Garza únese á listaxe de persoas e entidades galardoadas nas edicións anteriores: Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Antón Neira Vilas, A Nosa Terra e Avelino Pousa Antelo.