A Alameda de Compostela volve a ser testemuña de loitas reivindicativas. O Sindicato Labrego Galego instaurou o día 1 de setembro, preto da estatua das Marías, unha caixa de resistencia con motivo da semana europea polo prezo do leite. O obxectivo fundamental, segundo explica a secretaria xeral do Sindicato, Carmen Freire, é recibir “a achega económica da cidadanía para o apoio moral dos gandeiros”.
O xoves vendéronse máis de cen litros de leite. Os composteláns secundaron a iniciativa e achegáronse a caixa de resistencia para recoller en botellas de cristal un pouco do que hoxe forma parte do patrimonio galego: o leite. Moitos dos compradores que se achegaron senten a crise chuchando nos petos, conscientemente. Algúns teñen un curmán, un tío ou un amigo sufrindo a tiranía das transnacionais. Outros, queren saber que están axudando, dende o anonimato, a perpetuar un xeito de vida. Santiago non só acolle a peregrinos, senón tamén a todo un arsenal de combatentes gandeiros.
Por todo isto, a Alameda esta semana non é só un mercado, senón un pacto entre gandeiros e cidadáns. O recoñecemento a un leite con denominación de orixe, muxido na Costa da Morte, na comarca do Xallas ou na zona de Vedra que se vende a 80 céntimos por litro. Porén, o domingo o Sindicato cavará a súa trincheira en Santander. A manifestación na capital cántabra coincide coa reunión en Bruxelas para tratar os temas referentes ao problema leiteiro. A esta xuntanza acudirá Elena Espinosa, ministra de agricultura do goberno español, e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras a nivel estatal (COAG).
Xavier, un gandeiro de Muxía optimista con esta nova loita, amósase descontento coas actuacións que levaron a cabo algúns sindicatos na tractorada de xullo que “non fixo as cousas ben”. Cobra 24 céntimos por litro. Ten trinta vacas que atenden el e a súa muller, na localidade fisterrá, coa mesma dedicación coa que o facían antes da crise, pese a que os resultados non son os mesmos. “Hai que loitar, hai que loitar polo dereito que temos a vivir do noso traballo”.
Ao igual que na tractorada de xullo, as principais demandas do sector gandeiro á Xunta son “que se poña ao fronte e que lidere as reivindicacións de mudanza da política europea para solucionar o problema do prezo, igual que fan co AVE” explica a secretaria xeral do SLG. Piden o establecemento dun prezo mínimo e a redución da produción en Europa para equilibrar a oferta e a demanda “para que as multinacionais deixen de mercar o leite ao mellor postor”.
“As axudas públicas, un céntimo por kg de cuota é de tomarnos o pelo”, protestan os traballadores. A esmola dos políticos segue sen pagar o leite dos cidadáns. María Xesús Martínez ten a súa explotación gandeira no concello de Forcarei. Achegouse coas súas fillas que prestaban atención as explicacións da súa nai, insistente na idea de que a loita polo prezo “non é unha semana, é todo ano. Está mal a cousa”. Recibe dun comprador directo de Melide pouco máis de 24 céntimos. Nin Mª Xesús nin Xavier están no peor dos casos. Algunhas empresas están pagando o leite a 16 céntimos baixo o pretexto de que vai a parar a transformacións ou para facer pó.
Mercar o leite en calquera latitude
Dende a Xunta pronunciáronse facendo crítica das determinacións que está tomando o Parlamento europeo. A política de Bruxelas segue apostando polo aumento da produción. O ano pasado unha reforma agraria, establecía un aumento lineal do 2% na cuota de produción leiteira até o ano 2015, un dato abraiante se temos en conta que as cifras da oferta son máis elevadas que as da demanda. “Se non lle vendes o leite a 20 céntimos cómprano a ese prezo en calquera outra latitude”. Ademais, as palabras da comisaria, Mariann Fischer Boel que compareceu o luns ante a Comisión de Agricultura foron recollidas polo Sindicato coma "un insulto". Carmen Freire asegura que non necesitan compaixón senón políticas.
Asemade, os gandeiros reiteran que a causa principal da crise “é que se está levando a cabo unha política feita para as multinacionais”. Non queren abordar- algo factíbel políticamente- o establecemento dun prezo mínimo que cubra os custos de produción e traballo, petición que, por outra banda, crea controversia nun contexto de libremercado. O xogo do mellor postor está trasladando a presión da multinacional ás industrias e delas, aos gandeiros.
Moitos supermercados ligados a multinacionais abastécense de alimentos baratos a calquera custe. “Os gobernos están facendo política para eles” sentencia Carmen Freire “para eses mounstruos da gran distribución multinacional". Estas políticas converten a alimentación nunha arma de control. A soberanía das multinacionais soterra pouco a pouco os dereitos dos gandeiros. Palabras coma "dignidade" ou "calidade" soan estes días, coma un himno, homenaxeando o labor destes loitadores. Que destapen, pois, os ollos aqueles que non queren ver que o leite non é tan só un negocio, senón un dereito do pobo.
O medio rural ameazado
Leite Río continúa sendo a empresa con maior facturación de leite de Galiza. Aínda así, o 1 de setembro cumpriu a súa ameaza de deixar de recollerlle o leite a unha cooperativa de Ordes, que comezou as negociacións coa empresa CELEGA. Cómpre ter en conta que Galiza ten unha media de dous millóns de toneladas de cuota recoñecida e que 12 mil familias do país traballan con vacas de leite.
Pero a crise vai máis alá do eido económico, o medio rural vivo corre o perigo de extinguirse. A xustiza que chega de Europa obvia a vida no rural, e ignora a necesidade dos gandeiros de recibir un salario digno. Nunha explotación de leite móvense moitos postos de traballo empezando por algo tan fundamental coma os transportes, as empresas de servizos ou sanidade do gando. Nas vilas e aldeas galegas as vacas, coma na India, son sagradas e teñen nomes segredos que só coñecen os gandeiros. Sobre este sector estratéxico caeu unha sombra pesada de pezas de ouro que escapan das súas mans e que deben cargar sobre as costas.