O conselleiro de Cultura anuncioulle á asociación de galeristas o apoio á feira Espazo Atlántico de Vigo para que compita con Arco.
O conselleiro de Cultura reuniuse este mércores cos representantes das galerías de arte
As galerías de arte galegas arrancaron este mércores do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, o compromiso de subvencionar a asistencia a feiras internacionais. Roberto Varela anunciou logo de manter unha reunión cos representantes da Asociación de Galerías de Arte de Galicia que o seu departamento abrirá unha liña de axudas específica para a asistencia a feiras internacionais, coa condición de que a metade dos artistas que leven sexan galegos.
O conselleiro non precisou a cantidade económica que o seu departamento dedicará a este fin. O anuncio contrasta coa situación doutras liñas de axuda que ata agora mantiña a Consellaría de Cultura e que logo do cambio de Goberno non foron por agora convocadas, como as dedicadas á tradución de libros e á organización de festivais de cine.
Unha feira para competir con Arco
Roberto Varela comprometeuse tamén a apoiar a feira Espazo Atlántico, que se celebrará en Vigo do 14 ao 18 de xaneiro, para "competir con Arco" e "dar a coñecer os artistas galegos". Varela criticou que a feira internacional Arco "está levando unha política que marxina un pouco a periferia". Espazo Atlántico organízase en Vigo desde o ano 2006, ata agora co nome de Puro Arte.
Durante a reunión, a consellaría e a asociación asinaron un acordo para cerrar os pagos pendentes de compras realizadas polo CGAC e da asistencia a feiras durante o 2009.