Os sindicatos consideran insuficiente a proposta, que beneficiaría as persoas desempregadas que quedasen sen subsidio a partir do 1 de xuño.
O goberno español e os principais sindicatos remataron pouco antes da medianoite do luns unha xuntanza para debater a posíbel ampliación da axuda de 420 euros ás persoas paradas que esgotasen as súas prestacións e subsidios e non conten con ingresos abondos.
A proposta do executivo foi ampliarlles a axuda ás persoas que ficasen sen recursos o 1 de xuño, o que suporía aumentar en dous meses a proposta inicial. Porén, CCOO e UGT cualificaron a medida de "insuficiente".
O Ministerio de Traballo aceptou revisar os termos da axuda de 420 euros, obxecto de polémica dende a súa posta en marcha o 17 de agosto porque non beneficiaría todos os parados na mesma situación, senón só os que esgotasen os subsidios despois do primeiro de agosto.
Segundo fontes do Ministerio en declaracións a Europa Press, o goberno español faralles extensiva a mesma proposta aos grupos parlamentarios este martes.