O seu filme "Relatos" proxéctase fóra de concurso, tamén as películas con participación galega "Checkpoint rock" e "Agua fría de mar".
O director Mario Iglesias
A 57ª edición do Festival de Donostia, que se celebra do 18 ao 26 de setembro, terá participación galega. Na capital donostiarra estrearase Relatos, o último filme do pontevedrés Mario Iglesias. O director de De bares, Catalina e Cartas italianas presenta un filme que ten como protagonista a Rosario Francesc, unha escritora ama de casa que visita ao psicoterapeuta para relatarlle os seus episodios de pánico nocturno.
A produción de Matriuska foi unha das 15 escollidas polo festival na sección Made in Spain, na que se amosa unha panorámica do cine recente producido no Estado. A selección inclúe filmes de directores consagrados como Pedro Almodóvar e Juanma Bajo Ulloa e obras de debutantes na dirección de longametraxes, como Ventura Durall e David Planell.
De Gaza a Costa Rica
Na sección do festival dedicada ao cine vasco pasarase Checkpoint Rock, un documental coproducido por Filmanova. Fermín Muguruza e Javier Corcuera dirixen este percorrido pola Franxa de Gaza para coñecer como viven, como pensan e como ven a situación de Palestina os seus músicos.
Agua fría de mar preséntase na sección “Cine en construción”. Trátase dunha coprodución dirixida pola costarricense Paz Fábregas e na que participa a produtora galega Tic Tac. O filme parte do encontro casual entre unha parella nova que goza das súas vacacións cunha nena de sete anos que escapou da súa casa.
Unha cela en Venecia e Toronto
Outro filme con participación galega fai este mes o seu particular percorrido polos festivais internacionais. Trátase de Cela 211, coproducido por Vaca Films, protagonizado por Luis Tosar e con Luis Zahera e Antonio Durán “Morris” no reparto. O filme foi seleccionado na Bienal de Venecia, dentro da sección paralela "Xornadas dos Autores-Días Venecianos". A presentación do filme no certame italiano, que se celebra do 2 ao 12 de setembro, contará coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela.
Logo do seu paso por Venecia, o filme participará no Festival de Toronto, que ten lugar do 10 ao 19 deste mes. A mostra canadense considérase unha porta importante para a penetración do cine europeo no mercado norteamericano.