O presidente da Xunta sostén que os principais edificios abrirán en 2010 e o resto "segundo a situación económica".
A plataforma 'Cultura si, mausoleo non' insta aos grupos parlamentarios do PPdeG, PSdeG e BNG a "anular" as partidas presupostarias "que dan respaldo" á Cidade da Cultura, co fin de reconverter as instalacións e destinalas a cubrir "as necesidades dos cidadáns de toda Galiza". Neste sentido, propoñen dedicar dous dos edificios construídos a albergar as instalacións da Administración en Santiago de Compostela, de modo que se aforre o pagamento de alugueres de San Caetano e San Lázaro, que cifran en 11 millóns de euros ao ano.
Desta forma, apuntan á utilización de ambos os dous complexos administrativos con fins culturais, sociais, sanitarios e educativos, "para uso e goce de toda a cidadanía". Esta petición, engaden, preséntase aos grupos con representación na Cámara "como representantes electos de todos os galegos e galegas e coa responsabilidade de actuar rigorosamente co destino e a xestión dos fondos públicos". "No caso da Cidade da Cultura, é incompatíbel a continuidade do proxecto tal e como foi concibido nos seus usos iniciais cunha aplicación honesta de primar o interese xeral", conclúen.
Feijoo confirma a apertura dos principais edificios en 2010
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ratificou este venres a data de 2010 para a apertura dos principais edificios da Cidade da Cultura, mentres que sinalou que os prazos de execución dos dous edificios restantes deberán adecuarse á situación económica do país.
Na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, cuestionado sobre a negativa do arquitecto do proxecto, Peter Eisenmann, a paralizar dous dos edificios do complexo do Monte Gaiás, Feijoo evidenciou que "a prioridade do arquitecto é rematar o seu proxecto" e a do Goberno, "defender os intereses de Galiza". Así, a "prioridade" do Executivo pasa por "abrir en 2010 unha aposta cultural sen precedentes en España", en primeiro lugar, a través da inauguración dos edificios que actualmente están en construción. "Os prazos de execución dos dous edificios restantes adecuaranse á situación económica", reiterou o máximo mandatario.
"Creo que a inmensa maioría dos galegos adoptarían esta decisión, porque non creo que sexa prudente dicir outra cousa", afirmou, á vista da actual situación económica, e apuntou que, recentemente, se aprobou unha obra de 40 millóns de euros para urbanizar o complexo e posibilitar a apertura de catro edificios ao público o próximo ano. En todo caso, recordou que "as obras están comprometidas" e que "os contratos hai que atendelos", posto que, pola contra, o Goberno podería enfrontarse ao pagamento de indemnizacións aos contratistas. Deste modo, garantiu a continuidade da Cidade da Cultura, aínda que insistiu en que "a prioridade é rematar o comezado".
Nome para o complexo do Gaiás
Sobre a proposta do ex presidente da Xunta Manuel Fraga, de que a Cidade da Cultura leve o seu nome, Feijoo evitou posicionarse.
En cambio, enxalzou a figura do presidente fundador do PP como "patrimonio da Autonomía galega" e apostou por "recoñecer o seu labor", tanto como relator da Constitución coma polo seu traballo á fronte da Xunta durante 16 anos. "Iso é o máis importante", resolveu o líder do Executivo.