Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O venres 28 en Pontecaldelas

No Lolapop o indie é cousa de nenos

A combinación noite-festa-adultos quédalle pequena a un festival que transgrede programando pop para todas as idades.

Moisés Álvarez - 13:10 27/08/2009
A sesión para os nenos no Lolapop 2008

A sesión para os nenos no Lolapop 2008

O ano pasado a chuvia estivo a piques de afogar o Lolapop. Sobreviviu á tormenta e este venres en Pontecaldelas renova a súa proposta de festival indie preocupado por conseguir que o público se sinta cómodo. Como quere ser algo máis que música, alcol e festa, no Lolapop hai unha sección especial para nenos.

“Queremos loitar contra esa imaxe que identifica os concertos coa noite, ter determinada idade e consumir alcol e drogas”, explica Josiño Carballo, de Ernie Producciones, organizadora do festival. A sesión para nenos apunta a un público familiar, que non é o que se acostuma asociar coa música indie. Celébrase nun anexo ao recinto, no que os músicos interpretan cancións en acústico con arranxos pensados para os máis cativos, “aínda que os pais pásano tan ben como os nenos”.

Os grupos do cartel apúntanse ao reto de enfrontarse a un público diferente. Na sesión deste ano participarán Maryland, Half Foot Outside e Nadadora, que se achega a Pontecaldelas só para tocar para os nenos. E ao final os pequenos tamén son protagonistas. Josiño Carballo pon un exemplo: “o ano pasado saíu unha nena a cantar unha canción. Gustoulle, pasou todo o ano en clases de música e este ano volve para tocar o violín para os outros nenos”.

Sidonie encabeza o cartel
Coa sesión infantil arranca ás sete da tarde un festival polo que este ano pasarán Sidonie, Mendetz, Holywater, Half Foot Outside, Maryland e Boat Beam, e que se estenderá á madrugada coas sesións de Charlie Dj, Toño Dj Camelot e Maadraassoo. O festival ofrece zona de acampada á beira dunha praia fluvial e un servizo de autobuses para trasladar aos lolapopeiros desde case calquera lugar de Galiza.

Na tónica xeral que afecta aos festivais este ano, o Lolapop tivo que axustar o orzamento pola redución dos patrocinios e as subvencións. Isto obrigounos por primeira vez a cobrar unha entrada, que agardan que non bote para atrás aos afeccionados ao indie: 5 euros por anticipado e 10 euros no día.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Last ulcer (goes off)", de Holywater

Half Foot Outside en directo no Absolut Faraday 2009