Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ao fío do caso da axente electoral

O PP teima en relacionar o número dous do PSdeG cunha "trama de financiamento irregular"

Os socialistas negan as acusacións e recordan que quen está en prisión por unha trama real é Pablo Crespo, "estreito colaborador de Feijoo"

Redacción - 19:10 26/08/2009

"Era o encargado de nutrir de traballadores gratis o PSOE, para así minimizar os seus gastos en campaña electoral". Así denunciaba este mércores o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, a presunta actuación de Pablo García, secretario de Organización do PSdeG. Segundo explicou Rodríguez Miranda, cando formaba parte de Unións Agrarias García fixo de "ligazón" entre a asociación Viticultores do Castro, "colectivo pantasma que solicitou a subvención para pagar con fondos públicos a axentes electorais socialistas, e o propio PSOE".

Di Miranda que "o feito de que García non tivese problemas para usar fondos públicos para beneficiar aos socialistas cando non tiña vinculación directa con este partido é unha mala noticia que pode non vir soa, porque a saber que novas actuacións pode levar a cabo agora que si ten responsabilidades no PSOE". Para o PP, o caso da axente electoral que os socialistas "vían pechado antes do 1M", ten agora imputado un alcalde do PSOE e "obrigará a pasar polo xulgado a próxima semana a dous ex altos cargos do bipartito, a un concelleiro do PSOE en Piñor, ao responsábel da asociación tapadeira a través da que se puido financiar o PSOE".

"Absolutamente falso", retruca o PSOE
"Nin houbo axente electoral, nin houbo ningunha trama, e en ningún caso desviación de fondos públicos", respondía esta mesma xornada o aludido Pablo García. O secretario de Organización do PSdeG opina que as "inxurias, mentiras e supostas tramas" denunciadas polo PP son en realidade "estratexias para tapar a súa verdadeira implicación nunha trama de corrupción na que xa hai máis de cen implicados, como é o caso Gürtel”.

García lembrou que as catro persoas que van declarar o luns "vano facer en calidade de testemuñas, non como imputados, e aínda non recibiron a citación". "Por que sabe o PP que van ser chamados a declarar?", pregunta o voceiro socialista. "O PP, que tanto denuncia en Madrid escoitas ilegais e filtracións de sumarios, en Galiza sabe as citacións dos xuízos incluso antes que as propias persoas que son chamadas a declarar”, ironizou.

Para Pablo García o acontecido é xustamente "todo o contrario do acontecido con Pablo Crespo, ex secretario de organización do PPdeG e parte fundamental na trama Gürtel polo que está en prisión dende hai meses". "Neste caso en cambio nin Feijoo nin Rueda dixeron nada, como tampouco dixeron nada sobre as operacións que atinxen a pagos das campañas electorais galegas”, censurou, recordando que Crespo foi "estreito colaborador de Feijoo" cando formaba parte do consello de Administración de Portos de Galicia e Feijoo era o máximo responsábel deste organismo como conselleiro de Política Territorial.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: