Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Incremento do 57% no último ano

Case 20 mil persoas teñen xornada laboral parcial e adican o resto do día a atender dependentes

Desde a UXT reclaman iniciativas públicas que axuden ás dificultades destes traballadores para a conciliación da vida laboral e familiar.

Redacción - 11:45 21/08/2009

Son un total de 19.900 persoas, segundo a última estatística oficial do INE, e case na súa totalidade mulleres (o 96%). Fan xornada laboral parcial e o resto do día adícanllo a atender unha persoa dependente nos seus propios fogares. Renuncian por isto nalgúns casos a traballos mellor remunerados ou mesmo a estudos. A Enquisa de Condicións de Vida das Familias ofrece máis datos: do total de persoas atendendo dependentes, teñan ou non outras actividades laborais, o 72% son mulleres, a maioría no treito de idade de entre 45 e 65 anos.

As cifras tráeas a primeiro plano este xoves a UXT-Galicia, reflexionando que se trata duns datos que "poñen en evidencia as dificultades que os traballadores galegos atopan á hora de conciliar a vida laboral e familiar". Desde a comisión executiva do sindicato insisten na urxencia de impulsar políticas públicas que, neste contexto, "contribúan a harmonizar o traballo e a familia dentro do marco do Diálogo Social".

Lentitude e desatención das administracións
Ademais, en Galiza estes números, que corresponden a 2008, indican un incremento do 57% no total de persoas con xornadas laborais parciais por adicarlles o resto do tempo ao coidado de parentes dependentes. Unha porcentaxe moi por riba da media estatal do 7%. Desde a UXT piden que as administracións se esforcen na creación de redes de servizos sociais e potenciein a carteira de servizos específicos para a atención á dependencia, tales como centros residenciais e de día, axuda a domicilio e teleasistencia.

Por outro lado, salientan o feito de que a maioría de persoas involucradas nestas tarefas de atención a familiares dependentes son mulleres, motivo polo cal demandan mecanismos en materia de igualdade. Advirten de que moitas mulleres ven condicionada a súa participación e estabilidade no emprego por este motivo e piden iniciativas concretas de axuda. Especialmente, recordan a necesidade de cobertura para familias que non están accedendo a ningunha prestación. Lembran que algúns gobernos autonómicos estabeleceron axudas de "urxencia social" destinadas a manutención, aloxamento ou transporte.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: