O PP acusa os rivais políticos de impediren a redución de salarios dos directivos. PSOE e BNG denuncian que o PP só quería unha "redistribución".
A primeira hora deste xoves, o PPdeG acusaba a socialistas e nacionalistas de manteren unha actitude "obstrucionista" e "irresponsábel" no Consello de Administración da CRTVG. De xeito concreto, os populares revelaban que os membros elixidos para este órgano a proposta de PSOE e BNG posicionáranse, presuntamente, en contra da redución de retribucións aos directivos da CRTVG. Denunciaban desde o PP que tal posición impedira a saída adiante, xa que era necesaria a maioría de dous terzos do Consello, dun plan de austeridade iniciado pola nova dirección do ente público.
A acusación era rexeitada pouco despois desde as filas de socialistas e nacionalistas. Segundo explican desde o PSdeG, o suposto plan de austeridade non era tal, senón un simple "traspaso" de ingresos duns directivos a outros. Así por exemplo, critican os socialistas, o PP pretendía reducirlles o soldo ás nomeadas directoras da TVG e Radio Galega ao mesmo tempo que llo subían ao director Económico e Financeiro da compañía pública. Pregúntanse por isto desde o PSdeG, neste presunto afán aforrador "por que non é o propio director xeral da CRTVG o que se reduce o salario?".
Cortina de fume
Na opinión dos socialistas, sería un exemplo máis da "falacia" da promesa de austeridade na que teima o PPdeG en diversos ámbitos desde a chegada ao Goberno. Ademais, advirten de que os populares semellan querer tender unha "cortina de fume" para ocultar os "pésimos resultados de audiencia" da televisión pública desde o cambio de dirección. "É moi difícil desfacer tanto como desfixeron en tan pouco tempo e arruinar desta forma o capital herdado da anterior dirección", acusan.
Desde o BNG comparten a crítica co carácter ficticio do plan de austeridade do PP para o ente público de radio e televisión. Recordan que os representantes socialistas e nacionalistas abstivéronse porque o proxecto que os populares puxeron na mesa "non supoñía ningún plan de aforro ou contención do gasto nos medios públicos, senón que constituía unha redistribución dos salarios sen reducir o montante total". Mesmo se daba o paradoxo de que cargos directivos novos nomeados polo PP ían cobrar máis que as mesmas persoas que acababan de ser cesadas nos seus postos.
Ao tempo, retrucan que os únicos que merecerían neste Consello de Administración o cualificativo de "obstrucionistas" serían os representantes do PP. "Así o demostraron cando impediron que se aprobasen as contas do anterior equipo directivo negándose a que o BNG renovase a un dos seus membros no Consello de Administración por falecemento", lembran. Recordan tamén que foi o propio PP o que "obstaculizou e paralizou" a oferta pública de emprego da CRTVG "aínda sabendo que a inmensa maioría dos traballadores non teñen contrato fixo". Para os nacionalistas, este novo episodio implica o uso partidario dos debates do Consello de Administración e o PP pon outra vez "en entredito" o papel de "neutralidade" esixíbel ao director xeral da compañía.