Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Verán de festivais

Vai berrar a Baiona e Bandeira

O Val Miñor e Silleda soben decibelios este xoves co Berra!Baiona e o Bandeirock. Mentres, o jazz cítase en Monforte e Cangas.

Redacción - 11:30 20/08/2009
Dakidarria actúa no Berra!Baiona

Dakidarria actúa no Berra!Baiona

Para bailar e berrar, o rock en todas as súas variantes. Este xoves 20 de agosto Baiona e Bandeira (Silleda) son os escenarios que abren unha das fins de semana de axenda festivaleira máis completa, cunha dunha ducia de citas por todo o país.

En Baiona arranca ás 10 da noite o Berra!Baiona. No parque da Palma cítanse o punk-reggae dos vascos Potato, o ska dos madrileños Alamedadosoulna Show, e a potencia dos grupos do Val Miñor Dakidarria e Kalaikoi. O festival organízao o colectivo Berra! Val Miñor, e complétase cunha exhibición de grupos emerxentes da comarca: Mousike, Rivermind, Blue Jeans, Abyss e Life in Green.

Máis ao norte, nas terras do Deza, o Bandeirock ofrece unha caldeirada de sons: rock, metal, rumba, pachanga e hip-hop. A partir das 10 e media da noite en Bandeira (Silleda) subiranse a escenario Tungsteno, Kambotes, Pito de Pikasso, Semos Peligrosos, Rumba que te Fixo e More, Jotah and Izki.

A alternativa jazz
Como non todo vai ser rock, o Morrazo e a terra de Lemos ofrecen alternativas para aqueles aos que lles tire máis as cadencias do jazz. En Cangas continúa o Canjazz, no que o xoves actúa a banda portuguesa DixieNaza Jazz Band, cunha proposta inspirada nos sons de Nova Orleáns. E o venres celébrase o espectáculo 30 anos de jazz en Cangas, que conmemora as tres décadas que pasaron desde o nacemento do primeiro festival de jazz na vila.

En Monforte o Novas Músicas presenta o xoves a Lemos Jazz Experiencia, unha banda creada por encargo do festival e composta polos profesores que interveñen no Seminario de Música Moderna e Improvisación que se celebra na vila. O festival continúa o venres con Antonio Serrano & Federico Lechner e o sábado co Félix Rossy Quinteto. Unha das propostas máis interesantes do certame é a sección “Jazz x Barrios”, na que un cuarteto actúa en bares e restaurantes de todos os barrios de Monforte durante toda esta semana.

E para os que anden pola capital, o Festival dos Abrazos trae este xoves á praza da Quintana en Compostela o espectáculo Nömadak TX. Os txalapartaris de Oreka TX únense á cantante saharauí Aziza Brahim para explorar xuntos o poder das músicas nómades do mundo.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Blue Jeans é un dos novos grupos do Val Miñor que está no Berra!Baiona

Pito de Pikasso actúa no Bandeirock