Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sentenza do alto tribunal

O TSXG pon en cuestión os plans acuícolas de Fraga e do bipartito

A Xunta reduce os problemas ao plan do anterior goberno. O PSdeG entende que se "demostran as mentiras do PP". O BNG ve unha oportunidade para "comezar de cero".

Redacción - 10:00 16/08/2009

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recalcou este sábado que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acerca do recurso presentado por Pescanova ao acordo da Xunta de socialistas e nacionalistas demostra que "quen fixo mal as cousas" en materia de acuicultura foi o bipartito. A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso interposto pola empresa Insuiña S.L. (do grupo Pescanova) contra o acordo do Consello da Xunta polo que o bipartito revisou o Plan Acuícola de 2005, cando Enrique López Veiga era conselleiro de Pesca do Goberno de Manuel Fraga.

"Sorpréndeme que saia hoxe a debate esta sentenza sobre plan acuicultura", declarou a conselleira, quen avisou de que o TSXG lle di ao bipartito "que o fixo mal e que non adiantou nada en acuicultura", xa que a sentenza anulou o acordo do consello de la Xunta do 2006 de xuño, no que se revisou e modificou o Plan de Acuicultura de 2005. Rosa Quintana, ademais, asegurou que cando se aprobou o plan "non existía a necesidade de realizar impacto ambiental" e evocou o recurso presentado pola asociación ecoloxista Adega ante a Unión Europea e que esta "arquivou". "O plan (de 2005) cumpriu con todos os requisitos legais e o do bipartito incumpriu todo", sentenciou a conselleira do Mar, que entón tamén formaba parte do goberno de Manuel Fraga.

"Demóstranse as mentiras do PP", din os socialistas
Diferente é a interpretación do PsdeG, xa que a voceira de Pesca do grupo parlamentario dos socialistas, Marisol Soneira, explicou este sábado que a sentenza estabelecería "con toda claridade" que o plan acuícola deseñado polo equipo do, naquel tempo conselleiro Henrique López Veiga, era ilegal e que non cabe indemnización ningunha pola súa suspensión.

Para Marisol Soneira “esta sentencia, a súa ocultación, e as mentiras do secretario xeral da consellaría pero sobre todo o proceder do Goberno neste tema, demostran, que Alberto Núñez Feijoo e o seu equipo están mais preocupados por xustificar a súa oposición irresponsable ao goberno bipartito, que en xestionar os intereses de Galiza". Soneira esixiu por isto "a inmediata dimisión do secretario xeral, por mentir e ocultar a información de que dispón sobre este asunto ao Parlamento a preguntas do Grupo Socialista".

Subliña a deputada socialista que a sentenza do TSXG constata que o Plan Sectorial do ano 2005, impulsado polo conselleiro popular López Veiga, carecía da avaliación de impacto ambiental preceptivo "polo que incumpre a normativa comunitaria e a lexislación española e incluso a Lei 9/2001 galega sobre espazos naturais".

Oportunidade "para comezar de cero", recomenda o BNG
"Debe paralizarse todo o que está en marcha e partir de cero introducindo algo de sensatez no sector", resumiu o voceiro de Pesca do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, ao respecto da información coñecida este sábado. Lobeira pediu así que se aproveite isto para actuar con "sensatez e sentido común" á hora de elaborar unha nova lexislación en materia acuícola.

Valorou o deputado nacionalista que a sentenza anularía o Plano Acuícola de López Veiga por consideralo ilegal ao incumprir normativas medioambientais, asi como a lexislación europea. "Do mesmo xeito, sempre segundo informa a emisora de radio privada, a senteza considera tamén ilegal o método seguido no ano 2006 para anular este Plano para aprobar asi un novo Plano Acuícola" ,admite Lobeira. "Unha oportunidade para partir de cero e elaborar unha lexislación co consenso das forzas políticas no Parlamento, as organizacións ecoloxistas e sindicais e os concellos implicados", recomendou Bieito Lobeira.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: