A última gran xolda do PP xa a organizara o partido na vila dezá con motivo da homenaxe de despedida a Manuel Fraga.
O PPdeG activado é unha poderosa máquina de obter vitorias e o acto de Silleda demostrará que o partido está activo e que os nosos rivais políticos terán moi difícil superarnos, aínda coas súas habituais alianzas". Así o expón a convocatoria oficial enviada polo PpdeG para o acto en preparación para o vindeiro mes de setembro.
Un evento organizado con dous recoñecidos obxectivos, o de "festexar os éxitos colleitados en autonómicas e europeas", e doutra banda, tamén "reactivar o partido" cara ao novo ciclo político que comezará á volta do verán. O PP quere que esta cita sirva para ensinar músculo e, con esa fin, calculan darlle xantar a arredor de 15 mil persoas.
"Será unha mostra de forza", advirten. Prometen actuacións musicais, "espectáculos diversos" e bo xantar para os seareiros que até Silleda se acheguen, coa meta de inxectarlles "aínda máis gañas de seguir traballando duro por Galiza desde as filas do partido maioritario". Consideran que será un chanzo máis para manter a formación mobilizada co obxectivo de "empezar a gañar desde xa as eleccións municipais de 2011".