O Presidente da Xunta xustifica a derrogación deste regulamento e subliña que a consulta aos pais ratifica o carácter bilingüe da sociedade galega.
"A maioría dos pais non o queren", dixo Alberto Núñez Feijoo sobre Decreto do Galego no Ensino, "queren bilingüismo nos catro niveis educativos e se se pregunta por un ensino só en galego ou só en castelán, prefiren o castelán". Así se pronunciou o presidente da Xunta de Galiza nunha entrevista realizada por Europa Press. Alberto Núñez Feijoo avalou así a derrogación do actual decreto, reiterando que, a tenor das respostas dos pais nas enquisas, a Consellaría de Educación fará a súa proposta. Con todo, adiantou que "non cre nunha segregación xeneralizada" nas aulas, se ben recoñeceu que aínda está todo por estudar.
Non se pode patrimonializar a Castelao
Doutra banda, Feijoo amosouse contrario a "descontextualizar as frases de ninguén", logo de ser preguntado sobre se subscribiría unha sentencia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: "Eu dígovos que os galegos só imporemos respecto cando aprendamos a vivir con absoluta independencia dos españois". O xefe do executivo dixo: "non podo suscribilo porque creo que os galegos son españois" e subliño que, en todo caso "Castelao ten outras moitas frases nas que afirma que o único que pide Galiza é o mesmo respecto que o resto dos pobos de España, que tipifica como nación". Nesta liña, asegurou que "Castelao é un persoeiro que hai que respectar e non patrimonializar".
Boa saúde das caixas
Con respecto ao sector financeiro, Feijoo asegurou sentirse "molesto" coas especulacións sobre posíbeis fusións das dúas caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova. "Hai que traballar con rigor", asegurou subliñando que o Banco de España avala "a sáude" de ambas entidades no escenario de 2009. Segundo explicou, esta situación de "seguridade", posibilita que a Xunta "non teña que precipitarse" nin tomar ningunha decisión inmediata. Así, adiantou que os prazos virán determinados por tres cuestións: "unha diagnose certeira, unha proposta de alternativas e ver como se moven os operadores". "As dúas primeiras dependen de nós, a terceira non", asegurou.
Orzamento para o 2010
O presidente da Xunta tamén adiantou que o orzamento para o vindeiro ano contará cunha cantidade global inferior á doutros exercicios por mor da redución, a causa da crise, da recadación dos principais tributos que financian a facenda autonómica. Así, adiantou que un dos principais retos do seu Goberno logo das vacacións será deseñar unhas contas "reais", xa que entende que os anteriores "se articularon en base a ingresos falsos".