O parque vigués será este mes de agosto escenario do espectáculo de Fuxan os Ventos.
Coa chegada do verán, os membros do histórico grupo xuntan esforzo unha vez máis para ofrecérenlle aos afeccionados tres novas oportunidades de asistir ao espectáculo Terra de Soños. Recordámoslles que Fuxan os Ventos volveu aos escenarios dez anos despois da súa anterior actuación, o pasado mes de outubro, con dous concertos en Compostela cheos de colaboracións e sorpresas que quedan xa para a historia dos grandes momentos musicais do país.
Desta volta, o mércores 12 de agosto estarán no Parque de Castrelos, co acompañamento dunha banda dirixida por Xosé Lois Romero, quen realizou tamén os arranxos instrumentais para este novo proxecto do grupo. Polo escenario pasarán a apoiar a histórica formación dúas das referencias actuais da música en Galiza: Rodrigo Romaní e Uxía. As entradas están xa á venda. As próximas citas desta Terra de Soños serán en Ferrol, o 25 de agosto, e en Lugo, xa en outubro e durante as festas de San Froilán.