Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Área metropolitana en proceso

Que competencias, que financiamento? Preguntan os concellos da futura metrópole viguesa

Transporte, emerxencias ou abastecemento e saneamento, entre as primeiras suxestións dos alcaldes para a coordinación metropolitana.

Redacción / Europa Press - 09:30 06/08/2009

Os rexedores das localidades pontevedresas de Cangas, Nigrán e Baiona manifestaron este mércores a súa dispoñibilidade e vontade de colaboración no proceso iniciado pola Xunta para a creación da futura Área Metropolitana de Vigo e trasladáronlle aos representantes do Goberno o seu interese por cuestións como as competencias, o financiamento e a necesidade de que a iniciativa estea consensuada.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e o director xeral de Administración, Norberto Uzal, mantiveron diversos encontros coa alcaldesa de Cangas, Clara Millán (BNG), e os rexedores de Nigrán, Efrén Juanes (PSOE); e Baiona, Xesús Vázquez Almuiña (PP); para explicarlles o proxecto --a base do cal é a proposta de 14 concellos realizada en 2005-- no que, segundo Molares, "todos temos que ser xenerosos".

Nun comunicado, a Xunta explicou que os rexedores locais formularon as primeiras suxestións e demandas sobre as posibles competencias que podería ter a nova entidade supramunicipal, e que irían dende o transporte, as emerxencias ou o abastecemento e saneamento, entre outras. Neste sentido, Lucía Molares explicou que a Xunta "ten que solicitar todas as suxestións e informacións concretas sobre ámbitos e servizos de todos os municipios" posto que as conversacións se manteñen coa idea de que os concellos manifesten "se as competencias que xa estaban incluídas no anterior borrador son oportunas ou se deben formular cambios". Así, os municipios teñen de prazo até o 30 de outubro para remitirlle á Xunta toda a información sobre os seus servizos así como as demandas que consideren necesarias, co fin de iniciar un novo proxecto de lei. "Os municipios son os protagonistas e ten que ser un proxecto consensuado no que todos sexan xenerosos, deixando de lado os partidismos," afirmou Molares.

Suxestións dos alcaldes
Pola súa banda, os dous rexedores de municipios da bisbarra do Val Miñor destacaron a súa "preocupación" por cuestións como as competencias que terá este organismo supramunicipal, de forma que a Área Metropolitana non se configure como un simple "ente burocrático", segundo afirmou Vázquez Almuiña, en declaracións a Europa Press.

Pola súa banda, Efrén Juanes valorou positivamente que se saíra do "ámbito do debate mediático político" para tratar o tema "en mesas de traballo" para que a Área Metropolitana de Vigo poida ser unha "realidade", algo para o que a localidade permanece "absolutamente receptiva". En declaracións a Europa Press, Juanes considerou "fundamental" a cuestión do financiamento e considerou necesario que a área non só subsista das cotas dos municipios ou dunha dobre imposición nalgún imposto senón que "haberá que ser imaxinativos" e buscar fórmulas de cooperación que engloben as administracións, non só a Área Metropolitana, senón tamén "a Deputación Provincial e a Xunta".


Cara ao consenso
Na reunión deste mércores, Vázquez Almuiña asegurou detectar nos representantes do Goberno unha "vontade real" de poñer en marcha a Área Metropolitana, despois de "catro anos de que a iniciativa estivese ás portas do Parlamento". Por iso, valorou positivamente que se retome o proxecto, aínda que avogou por "non se cegar coa cronoloxía e deixar ben definido un modelo coas súas competencias, financiamento e consenso".

Neste sentido, valorou positivamente que se parta da base do anteproxecto de 2005, que englobaría 14 municipios, e afirmou ver "con bos ollos" a posibilidade de que poidan adherirse máis concellos. En todo caso, Almuiña insistiu na necesidade dun "consenso" onde todos os concellos "sexan iguais" e sen "a prepotencia ou un marcado sentido de poder" exercido dende un deles.

Pola súa banda, a rexedora de Cangas explicou a Europa Press que a súa intención é a de que o proceso poida facer da Área Metropolitana unha realidade e trasladará a proposta presentada pola Xunta aos distintos grupos políticos municipais, co fin de que se poidan consensuar unhas suxestións que trasladar á Administración.

Rolda de contactos
Cos tres encontros deste mércores, Lucía Molares e Norberto Uzal xa se reuniron cos alcaldes de seis municipios; posto que a pasada semana se celebraron as primeiras reunións, cos rexedores de Moaña, Fornelos e Soutomaior. A previsión do director xeral e da delegada territorial é a de concluír coa rolda de conversacións coas localidades implicadas no mes de setembro e deixar un período de reflexión até finais de outubro, coa fin de reunir toda a información necesaria.

Unha vez que a Xunta de Galicia dispoña de todas as suxestións dos 14 municipios, empezarase a traballar na elaboración dun primeiro borrador que o Goberno espera ter listo a finais deste ano ou principios de 2010. Dende a Xunta preténdese que o proxecto "non se durma xa que o máis importante é ter o consenso necesario para que esta iniciativa sexa viábel e realista", subliñou Lucía Molares.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: