Mauro Varela asegura que "non houbo nin a máis mínima reunión para nada con ninguén".
O presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela, asegurou que a entidade financeira que presidente "defenderá os intereses dos galegos, porque son os únicos que temos". En resposta aos xornalistas durante a inauguración dunha exposición, Varela insistiu en que Caixa Galicia non mantivo ningún tipo de contacto, nin negociación con outra caixa para formalizar unha posible fusión.
Afirmou o presidente da entidade que soubo das noticias sobre unha posíbel fusión con Caja Madrid e Caja del Mediterráneo "a través dos medios de comunicación" e negou tal estremo. "Non houbo a máis mínima reunión para nada con ninguén", comentou Varela en declaracións aos medios. "Seguimos como estabamos", aseverou. Así e todo, admitiu ter dúas opinións ao respecto, unha persoal e outra institucional. "A primeira non a expreso polo cargo que represento", dixo e afirmou que a segunda non se fará pública até que "non se reúna o Consello de Administración".
Resultados no primeiro semestre
As declaracións de Mauro Varela chegan un día despois de que a entidade presentase as contas do primeiro semestre. Nese período, o beneficio antes de impostos de Caixa Galicia foi de 70,45 millóns de euros, logo de realizar unha provisión "voluntaria" de 52 millóns. Unha decisión que a entidade lle atribúe á vontade de levar adiante unha "política de máxima prudencia". Xa que logo, sinalan ao respecto que o resultado medraría un 8,4% de non ser por esa "extradotación"
Indican desde a entidade que melloran así o seu posicionamento entre as seis maiores caixas a nivel estatal, con 47.349 millóns de euros en activos. De paso, subliñan que os indicadores de solvencia acadan en xuño de 2009 "o máximo nivel desde o ano 2000". Segundo debullan nun comunicado oficial, o grupo Caixa Galicia considera así que resultou exitoso o plan estratéxico centrado en catro variábeis para "afrontar o contexto económico de inestabilidade financeira que estamos atravesando" e defenden a mellora nos indicadores de solvencia, morosidade, liquidez e recorrencia de ingresos.