Alberto Núñez Feijoo, Manuel Vázquez e Guillerme Vázquez priorizarán o descanso en familia nunha desconexión estival que non será total.
Descanso en familia e sen saír de Galiza. Así resumen as súas vacacións os políticos galegos que, como é tradicional, aproveitarán o mes de agosto para intentar desconectar do seu traballo diario con actividades de lecer, como a lectura ou o deporte, para as que non adoitan ter tempo durante o resto do ano.
Este ano os membros do Executivo teñen previsto coller vacacións quince días, xa que o presidente, Alberto Núñez Feijoo, ten previsto reunir o Consello da Xunta durante a primeira e a última semana deste mes --en concreto os días 6 e 27 de agosto--.
Quendas
Nos últimos anos, o bipartito xa estabelecía quendas entre os conselleiros e, algúns como o de Medio Rural, non deixaban o traballo en pleno agosto debido ao dispositivo contra o lume. Deste xeito, a excepción do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, que permanecerá no seu despacho durante todo agosto, o resto dos membros do Goberno fará quendas entre os días 10 e 23. No entanto, se continúa o mal tempo, Juárez non descarta practicar "o teletraballo durante dous ou tres días" desde a súa casa, en Santiago.
Mentres, Feijoo aproveitará as súas primeiras vacacións desde que se converteu en presidente, tras gañar as eleccións do 1 de marzo, para gozar da súa familia e dos seus amigos. O deporte e a lectura tamén entran dentro dos seus plans e os primeiros libros na súa lista son 'La sombra de lo que fuimos', de Luís Sepúlveda, e 'Outra idea de Galicia', de Miguel Anxo Murado.
O presidente quedará en Galiza, pero cambiará Monte Pío polas Rías Baixas, que se manteñen como un dos destinos predilectos da clase política do país. De feito, Feijoo podería atoparse co conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que tamén aposta pola costa do sur de Galiza para descansar e pasear, aínda que non descarta aproveitar para visitar algunha obra.
"Gozar de Galiza"
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, prevé pasar uns días en Sanxenxo e descansar tras un polémico arranque do seu labor de goberno, marcado pola consulta do galego no ensino. No entanto, visitará a consellaría de cando en vez durante as súas vacacións. O conselleiro de Presidencia, Afonso Rueda, tamén aspira a descansar un pouco e a estar coa súa familia durante as súas vacacións. Se fai bo tempo, aproveitará para ir á praia, aínda que estará pendente do móbil "as 24 horas". Mentres, a titular de Facenda, Marta Fernández Currás, quedará en Galiza e aproveitará para ir á praia, ler e practicar deporte.
Galiza tamén será o marco das vacacións da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que intentará desconectar entre o 15 e o 21 de agosto, xa que a semana anterior ten garda na Xunta. Outros membros do Executivo, como a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, aínda non teñen perfiladas as súas vacacións.
Pola súa banda, a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, aínda prevé visitar de cando en vez o seu despacho durante a primeira semana deste mes. A segunda e a terceira, pasaraas entre Pontevedra e as Rías Baixas. Rojo dedicará este período de descanso á familia e a actividades de lecer como a lectura pero, sobre todo, aproveitará para facer "unha vida máis tranquila do que é habitual". A última semana de agosto reincorporarase ao traballo no Pazo do Hórreo.
Líderes da oposición
Do mesmo xeito que a maior parte dos conselleiros e que a xefa do Lexislativo, o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, aproveitará os seus días libres para gozar de Galiza. De feito, aínda que non se tomará vacacións, o líder socialista realizará "escapadas" de fin de semana ao longo do litoral ás que sumará "algún venres ou luns", até xuntar "tres ou catro días" de asueto.
Así, desde o venres atópase en Camariñas e visitando a Costa da Morte, a próxima semana planea visitar a zona do Grove e as Rías Baixas e na súa última "escapada" antes de incorporarse ao traballo prevé desprazarse ata a Mariña lucense. "Gozar da familia e a natureza" son as pretensións de Vázquez durante estes días, nos que aproveitará para "camiñar e facer sendeirismo" e, principalmente, para "descansar e desconectar". A lectura e as visitas aos amigos completan os seus plans para o mes de agosto.
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, conxugará a estancia no país coas viaxes ao estranxeiro. Así, aínda que se lle poderá ver "nalgún acto", aproveitará ata o día 17 para facer algunha "escapada" a Portugal e a Francia, de onde é natural a súa compañeira. No entanto, "a familia e a lectura" centrarán os seus momentos de lecer, que combinará cunha das súas paixóns, o 'gardening'. "Sachar, podar, rozar" e todo o relativo á xardinería é o principal entretemento do nacionalista, que se dedicará a esta actividade na súa casa, situada "nunha aldea de Pontevedra". A maiores, os seus tres cans esperan a súa visita, posto que, desde que Santiago centra a súa actividade laboral, están "morriñentos". Deste xeito, "xogar" coas súas mascotas será unha das súas prioridades até o Día da Galiza Mártir e a tradicional homenaxe a Alexandre Bóveda.