Este luns, a xente do equipo compostelán de fútbol sala na máxima categoría, inicia o labor de pre-tempada.
Logo das presentacións os últimos días de Rafael e Juan Puertas, novas fichaxes coa encomenda de furar a porta contraria, o Lobelle de Santiago Fútbol Sala, volve ao traballo este luns 3 de agosto. O corpo técnico ao completo inicia o traballo con 17 xogadores convocados. Alén das novidades oficiais no vestiario, os rapaces Tojo, Moro e Nacho foron convidados a faceren a pretempada co primeiro equipo.
O primeiro adestramento será este mesmo luns pola tarde, onde o cadro técnico poderá valorar o estado no que chega o cadro logo destas semanas de lecer. O equipo técnico promete, así e todo, sesións menos intensas que as de hai un ano, onde lle apertaron duro ao equipo xa desde esta altura. Está pechado un pequeno calendario de encontros no que está previsto xogar tres partidos amigábeis e dous torneos, un deles en Portugal.
Os xogadores citados son os seguintes: Repiten Mendiola, Barrón, Marcos Vara, David, Palmas, Aicardo, Luís, Rubi, Leitao, Alemao, Pola e Eka. Estes dous últimos atópanse na fase final do seu proceso de recuperación. O primeiro debido á súa operación tras unha rotura de ligamentos e Eka tras practicárselle ao final da tempada pasada unha limpeza do tendón rotuliano do seu xeonllo esquerdo. Ambos realizarán un traballo específico até que se poidan incorporar ao traballo co resto do grupo. As caras novas serán as de Rafael, procedente de Praias de Castelló, e a de Juan Portas, que xogou no Carnicer a tempada pasada, asinado uns numerosos que chaman ao optimismo no seu desembarco en Compotela. Tres xogadores do filial completarán ademais a pretemporada co primeiro equipo: Pablo Lozano Gai 'Moro', Pablo Tojo Lorenzo 'Tojo', e Ignacio Seoane Tomei 'Nacho'. O obxectivo do corpo técnico é que polo menos un dos rapaces adestre durante toda esta tempada co primeiro equipo.