Mentres, o dato adiantado do Índice de Prezos ao Consumo tamén caeu ao mínimo histórico de -1,4%, catro décimas menos que en xuño.
Nun contexto de crise, de despedimentos e de menos ganancias, son poucas as noticias que lle dan alegrías aos petos dos consumidores. Agora coñecemos dúas: dunha banda a caída histórica do Euríbor, tipo de interese na maioría das hipotecas en Galiza; e da outra, a baixada media dos prezos dos produtos de maior consumo.
As hipotecas, un 50% máis baratas
A baixada dos tipos de interese en maio e, sobre todo, a inxección de cartos que fixo o Banco Central Europeo (BCE) en Xuño tiveron as súas consecuencias sobre o Euríbor. Este índice pecha o mes de xullo cunha media de 1,412%, a maior baixada interanual que experimentou nunca. Así, as hipotecas cunha duración a máis longo prazo beneficiaranse dunha rebaixa de até o 50%.
O Euríbor comezou a senda ininterrompida de descensos o pasado 10 de xuño, o que permitiu ás familias beneficiarse dunha importante rebaixa nas súas hipotecas. Ademais, os analistas opinan que o indicador aínda non acadou o seu mínimo e apuntan a que nos vindeiros dous meses podería situarse preto do 1,20%.
A cota hipotecaria mensual para un crédito medio de 150 mil euros e un diferencial de 0,5, cunha duración de 25 anos, deixarán de pagar 957 euros para abonar 629, é dicir, 327 euros menos ao mes, o que suporía preto de catro mil euros de aforro ano ano.
Índice de Prezos ao Consumo
Doutra banda, o dato adiantado do IPC situouse no -1,4% en xullo, un novo mínimo histórico segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), e catro décimas por baixo do dato de xuño.
Así, a inflación de xuño situouse no -1% en taxa interanual, quinto rexistro negativo consecutivo interanual da historia desta estatística, que comezara a elaborarse hai 12 anos.
Este indicador adiantado calcúlase utilizando o mesmo procedemento que o empregado para o Índice de Prezos ao Consumo Harmonizado, mais utilizando diversos métodos de modelización estatística para estimar a información da que aínda non se dispón no momento da súa publicación. Por iso, é de prever que a caída da taxa da inflación se deba, fundamentalmente, á diferenza do prezo do petróleo. Os datos definitivos coñeceranse o vindeiro 13 de agosto.