Haberá que cruzar a raia para o maior festival das terras galaicas, que comeza este mércores. En cartel: Franz Ferdinand, Patrick Wolf, Nine Inch Nails...
De xeito oficial, este mércores bota a andar un dos que pasa por ser o mellor dos festivais organizados nas terras galaico-portuguesas. Pasando xa dos quince anos de historia, Paredes de Coura aparece consolidado na axenda dos afeccionados á música máis algareira. Os organizadores agardan unha media de 20 mil persoas por día armando batifundio no lugar.
A xornada deste mércores, abrindo boca para os campistas xa asentados desde a primeira xornada no recinto natural de privilexio onde ten lugar esta xolda, trae o cartel encabezado por Patrick Wolf. O cantor inglés poderá despregar no palco After Hours toda a súa capacidade de innovación e mestura entre o rock e a pegada folk, pasando polo techno. Antes del terán aberto formalmente o festival Sean Riley and the Slowriders e actuarán a continuación The Strange Boys. Pechan a maratón deste primeiro día Bons Rapazes.
O escenario principal non acende decibelios até o xoves, cando están programadas as actuacións entre outros de Supergrass e Franz Ferdinand. Para a xornada do venres, os lostregazos finais tócalle guindalos a Nine Inch Nails e o sábado, e despois de máis de dúas ducias de concertos, os seareiros que cheguen con folgo poderán asistir aos foguetes de festa final: Jarvis Cocker e The Hives.
Polo medio, outras herbas de lecer: ioga e música clásica para as mañás, oferta de jazz para relaxar as canelas e recitais poéticas á hora da sesta.
Recomendámoslles botarlle un ollo ás informacións da prensa portuguesa: