A Mesa pídelle á Xunta que poña couto a este chamado "incívico e crispante" protagonizado polo principal colectivo contra a normalización lingüística.
"A adquisición e o uso nas aulas de libros de texto e material didáctico en castelán é perfectamente legal". Así comeza un comunicado distribuído por Galicia Bilingüe, no que anima os pais a que merquen este tipo de material "no idioma oficial que prefiran".
A entidade que preside Gloria Lago asegura que "centos de persoas" xa lles trasladaron as súas "consultas ao respecto", ás que lles informan que xa constataron "a existencia de exemplares en galego e en castelán para a maioría das materias", así como a "manifesta dispoñibilidade das editoriais para publicar os libros en español "tamén para Coñecemento do Medio e Historia (materias nas que máis dificultade hai para atopar o material didáctico en castelán).
Informan de que "persisten certas lagoas que habilitan aos alumnos para poder elixir" o idioma no caso de que o centro educativo "puxera algunha pega". E engaden: "se o colexio se remite ao controvertido decreto do galego 124/2007, concretamente ao artigo 13, poderase esgrimir falta de cobertura legal, ademais da propia cláusula de excepción, que inclúe este mesmo artigo, respecto da obriga de usar sempre o galego nos documentos e comunicacións internas dos centros". Na mesma liña, asegura que "non cabe sanción algunha nin a pais nin a alumnos, xa que o centro tería que enmarcar a conduta do escolar en algún tipo sancionábel, cuestión de todo imposíbel, pois levar un libro a clase nunha determinada lingua non implica obviamente interferencia algunha no desenvolvemento da clase".
"Intolerábel chamado á desobediencia legal"
Pola súa banda, a Mesa pola Normalización Lingüística xa criticou o que considerou unha "incívica e crispante" chamada á desobediencia da legalidade. Sinala que "finalizar o ensino sabendo galego igual que castelán é un dereito básico que non se lle pode furtar ao alumnado" e recorda que "dificilmente se poderá conseguir se os rapaces carecen das ferramentas para aprender a lingua propia".
Así, aseguran que "foi Alberto Núñez Feijoo quen prendeu este lume, apoiando as mobilizacións do odio contra o galego, e quen debe apagalo" e recordan que "todas as normas aprobadas en democracia sinalan que nas materias de impartición en galego se deben utilizar libros de texto nesa lingua, tanto no decreto aprobado na pasada lexislatura como tamén nos promulgados durante os gobernos do PP".