"Seica falan moi mal de min nos blogs, e vin ver se era verdade", comentou o primeiro ministro portugués ao fío do seu ciberencontro este luns.
José Sócrates, primeiro ministro portugués
No espazo Sócrates 2009 prometen achegar ao completo o vídeo do encontro que o primeiro ministro portugués e líder do Partido Socialista (PS) en Portugal, José Sócrates, mantivo este luns con vinte blogueiros portugueses.
Así e todo, sabemos do encontro furando nalgunhas das bitácoras convidadas a participar na reunión a porta pechada que, en principio, prometeran transmitir vía internet. Así por exemplo no Simplex, blog próximo aos socialistas onde felicitan a inédita iniciativa na rede lusa e desafían a líder do PSD a realizar unha experiencia similar. En O valor das ideias, o analista Carlos Santos valora positivamente o tempo adicado a responder por Sócrates, máis de tres horas e sinala o "optimismo" do socialista fronte ás inminentes citas electorais no país. Máis críticos son na bloguesfera conservadora, onde xa chegaba escépticos á reunión, caso de Rua Direita. Por exemplo en 31 Armada, fíxanse tamén nos erros técnicos acontecidos na cita e censuran as eivas do primeiro ministro no eido tecnolóxico.