As entidades bancarias ingresan cada mes un total de 1.300 millóns por este concepto.
Entre tarxetas, contas e transferencias, os bancos ingresan mensualmente máis de 1.300 millóns de euros
As comisións bancarias aumentaron en menos dun ano máis do 15%. Así o asegura o Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galiza (Adicae), que cifra en 1.300 millóns de euros os ingresos que cada mes obteñen as entidades en concepto de comisións. En concreto, os galegos pagamos de media 218,65 euros ao ano por este concepto.
Comisións por mantemento
Esta organización, que viu medrar nos últimos meses as reclamacións e consultas dos seus asociados sobre esta cuestión, subliña que pagamos unha media de 59,8% polo mantemento da conta corrente e outros 38,4 polo da cartilla de aforros.
Por exemplo, Caixa Galicia cobra dende o pasado mes de marzo tres euros máis por semestre (seis euros máis ao ano) aos titulares das contas correntes cun saldo medio inferior aos 1.500 euros mensuais. Pola súa parte, Caixanova tamén incrementou as súas comisións dende que se iniciase este mes de xullo: o mantemento das contas e cartillas subiu uns 10 euros, segundo explicou a entidade, para actualizar as tarifas, conxeladas nos últimos cinco anos, así como para suplir a falta de liquidez ante a crise financeira.
Se ben todas as entidades ofrecen algunha variedade de conta exenta de comisións, as cifras son similares en caixas e bancos. Neste apartado, o Pastor cobra o mantemento da conta a 24 euros aos clientes que, ao longo do ano teñan un salario medio comprendido entre os 300 e os 2.999 euros ao ano. O Banco Gallego é a entidade galega que máis comisións cobra (segundo os rexistros do Banco de España) cunha cota de mantemento de 18 euros semestrais (36 euros ao ano). Finalmente o Banco Etcehverría asegura que non incrementou os seus prezos e que negocia individualmente con cada cliente o prezo que está disposto a pagar.
Tarxetas de crédito e transferencias
No referente ao chamado diñeiro de plástico, os consumidores gastamos unha media de 50,2 euros ao ano nas de débito e 52,2 euros nas de crédito. Estas cantidades distribúense entre o mantemento e as disposicións. Doutra banda, o estudo tamén cifra que o usuario gasta de media 17,7 euros polo feito de transferir os seus cartos dunha conta a outra.
Todos estes pagos están a contribuír a que aumenten o número de reclamacións: as presentadas ante Adicae pasaron de seis mil a 9.300 nun ano. Mentres, as queixas presentadas ante o propio Banco de España aumentaron no 2008 un 45%.