Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Ridículos" 12 millóns

Os socialistas exixen máis axudas da Xunta ás explotacións leiteiras

Sonia Verdes pediu a elaboración dun plan estratéxico fronte á desaparición das cotas, mentres Pablo López solicitou a supresión de peaxes nas estradas.

Redacción - 18:00 27/07/2009

O PSdeG acusou a Xunta de permanecer "ausente e paralizada diante dos problemas do sector lácteo". A voceira de Agricultura no Parlamento, Sonia Verdes, dirixiuse ao senador do PPdeG Xosé Manuel Barreiro despois de coñecer a súa "repentina preocupación" pola actuación do goberno español na materia.

Verdes lembrou que Barreiro exixiulle á Deputación de Lugo axudas directas ao sector mentres permaneceu "caladiño" diante dos "ridículos" 12 millóns de euros aprobados pola Xunta en axudas aos produtores. Segundo a parlamentaria socialista, esa cantidade resulta un esforzo "mínimo" fronte ao investimento e compra de cota que está a afrontar o sector.

Eses 12 millóns, continúa Verdes, repartiranse entre 13 mil explotacións das que dependen 100 mil postos de traballo e o 30 por cento dos concellos rurais do país. Por iso pediulle ao conselleiro do Medio Rural que dea axudas "de xustiza" por importe de 50 millóns de euros que garantan os 7.500 euros por explotación, ademais da posta en marcha dun plan estratéxico para afrontar a liberalización das cotas.

Suspensión das peaxes
Por outra banda, o voceiro de Obras Públicas do Grupo Parlamentario Socialista, Pablo López Vidal, reclamoulle ao presidente da Xunta que sexa "audaz e valente" e tome "medidas de suspensión das peaxes", como fixera o anterior Goberno. A petición responde ao anuncio do Executivo de rebaixar as peaxes para algúns usuarios, o que cualificou de "típicas rebaixas do mercader Hernández", ao tempo que dubidou de que "sexa capaz de poñela en marcha".

López pediulle ao Goberno que asuma o compromiso de suprimir as peaxes do Val Miñor e da autoestrada A Coruña-Carballo, que é "a medida que agardan os cidadáns", mentres que "o resto son rebaixas dun mercado feiral da fin de semana". Nese senso, pediulle á Xunta que siga o exemplo do anterior goberno, que levantou as peaxes de Rande, da Barcala e de Dozón-Ourense, fronte ao un conselleiro "incapaz de cumprir o compromiso de presentar o Plan de Infraestruturas nos 100 primeiros días".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: