Os últimos anos estiveron marcados por toda unha serie de problemas físicos. Antón Ruanova foi cuarto en categoría masculina.
Pilar Hidalgo
A triatleta nacida en Cee (Fisterra) Pilar Hidalgo conseguiu este domingo na Copa de Europa de Varna (Bulgaria) a súa primeira vitoria internacional desde que en 2002 logrou o título no Campionato do Mundo Sub 23.
Trátase do seu mellor resultado desde que en 2004 se colgou a medalla de bronce no Europeo de Valencia. Atrás deixa unha doenza de corazón con intervención cirúrxica incluída en 2007 e toda unha serie de problemas físicos.
En Varna, Hidalgo mostrou a súa mellor imaxe para cruzar a liña de meta con un tempo de 2 horas, 11 minutos e 24 segtundos, case 2 minutos antes que a austríaca Sophia Amor-Smith, que foi segunda, e tres que a polaca Ewa Komander, terceira.
Castro e Valiño, novena e décima
Na mesma proba, Saleta Castro fixo un tempo de 2 horas, 20 minutos e 37 segundos, que lle permitiu finalizar en novena posición, xusto por diante de Aida Valiño, quen con 2 horas, 22 minutos e 24 segundos foi décima. Estefanía Domínguez abandonou por problemas físicos.
En categoría masculina, salienta o cuarto posto de Antón Ruanova. O francés Brice Daubord foi primeiro cun tempo de 1 hora 57 minutos e 11 segundos, por diante do italiano Ivan Risti e do ucraíno Anton Vitolin.