A canle Sky News demostrou que nalgúns servizos técnicos espían os datos e os arquivos persoais da clientela.
O técnico "pillado"
Unha experiencia da canle de televisión Sky News demostrou que hai que ter moito coidado co que se garda no computador á hora de levalo a unha tenda de reparacións. Xornalistas da firma británica levaron de incógnito un portátil supostamente estragado a seis tendas de Londres para descubrir que solución lles daban. O "fallo" do aparato era que tiña un chip afrouxado. Ademais, levaba instalado un software de vixilancia para ver que facían con el os técnicos.
Os resultados foron desalentadores para calquera persoa usuaria. Só un dos estabelecementos deu coa auténtica causa, mentres que o resto diagnosticaron fallos máis graves co fin de estafar o cliente, como facerlle cambiar a placa base.
Pero o caso máis grave foi o de Revival Computers, onde un empregado se dedicou a navegar polas carpetas persoais do cliente, incluída unha nomeada como "Privada" onde había gardado un arquivo de texto con diversos contrasinais e fotos da xornalista en biquini. O vídeo gravado amosa o técnico presentándolle as imaxes a un compañeiro, mentres outra persoa copia os arquivos nun pendrive. Ademais, tamén quedou constancia de que algúen probou os contrasinais para acceder -sen éxito, porque os datos eran falsos- a Facebook, Hotmail, eBay ou o banco.
A intención de Sky News era demostrar, e recomendar, que é necesario protexer os datos do computador antes de poñelo nas mans de persoas descoñecidas, como facer copias dos datos noutro soporte ou ben empregar algunha ferramenta para cifrar os contidos cunha clave segura.