O Bloque achegara ao Congreso a petición sobre este proceso cheo de feitos sen aclarar e con sentenzas "desproporcionadas".
"Está disposto o goberno español a concederlles un indulto?", expoñían os deputados nacionalistas galegos Francisco Jorquera e Olaia Fernández Davila na pregunta parlamentaria que a comezos do pasado mes de abril levaban ao Congreso. O documento levaba outra media ducia de cuestións, e pedía que o executivo estatal se pronunciase sobre a posíbel revisión do caso de despido do comité de empresa de Alúmina-Aluminio (antiga Inespal), chamando a atención sobre os "feitos sen aclarar", as sentenzas "desproporcionadas" e a condena "ao ostracismo laboral e social" aos traballadores, incluída a denuncia da existencia de listas negras para impedirlles o acceso a outras empresas.
Vinte anos dun grave conflito social e laboral na Mariña
Cumpriuse en decembro do ano pasado o vixésimo aniversario da chegada ás portas da factoría na Mariña de Inespal de ducias de bidóns con produtos tóxicos procedentes do buque Casón, accidentado na Costa da Morte. A alarma conseguinte acendeu un conflito alimentado ademais pola falta de transparencia no proceso e a propia situación da empresa pública, daquela en proceso de reconversión, e cun comité de empresa que era protagonista na loita contra os recortes de persoal.
Consecuencia do conflito e a denuncia dos traballadores pola entrada das mercadorías, unida á negativa de volveren á fábrica, abriuse un proceso xudicial no que, de xeito inédito en Europa, se enviaba a xuízo un comité de empresa ao completo. Casualmente, a resolución derivou en sentenzas desproporcionadas para un comité que, xustamente, resultaba non pouco incómodo para a empresa e o goberno español. Máis de 130 traballadores foron despedidos directamente e o episodio inclúe denuncia de despedimentos adicionais en empresas auxiliares.
"Eles e as súas familias sufriron durante anos as consecuencias laborais e persoais dun conflito sen aclarar e dunha sentenza desproporcionada e a día de hoxe moitos aínda non se recuperaron", denunciaban Jorquera e Fernández Davila no seu requirimento ao goberno español.
"Xuridicamente inviábel", xustifica o executivo estatal
Na súa resposta, o goberno español afirma considerar xuridicamente inviábel a intervención da administración xeral do Estado neste litixio. Define o executivo o acontecido de simple "procedemento xudicial entre unha empresa e os seus traballadores" e argumenta que desde aquela non se descubriron novos feitos "que puideran alterar as decisións sinaladas.
Entre outros, na misiva enviada aos deputados galegos, faise repaso das queixas rexeitadas sucesivamente polos tribunais Supremo e Constitucional e sinala que a Organización Internacional do Traballo rexeitou tamén a denuncia por vulneración sindical que presentara a Federación Mundial de Traballadores da Industria.
Diante da negativa, o BNG anunciou que achegará unha proposición non de lei ao pleno da Cámara Baixa para que "inste o goberno do Estado a que indulte os traballadores do Comité de Alúmina-Aluminio".