RedCoruna, con base en Lugo, pretende contrarrestar as ofertas de compañías estadounidenses e europeas, até agora máis económicas.
Para evitar que as webs do país sigan contratando aloxamento nos Estados Unidos ou no norte de Europa, a empresa galega RedCoruna, con sede en Lugo, anunciou o lanzamento da súa "Tarifa plana", primeira do seu tipo no Estado Español.
Segundo informa a compañía, van ofrecer un espazo en disco e transferencia ilimitados. Ademais, ao estaren os seus servidores localizados no país, a súa clientela poderá acadar un mellor posicionamento nos principais buscadores, ao contar con enderezos IP pertencentes á súa área de mercado.
A empresa leva traballando na web dende o ano 2003 e conta con máis de 20 mil clientes activos. Espera obter unha grande acollida co novo servizo, que inclúe, de regalo, un dominio .es, un cupón de Google Adwords para nova clientela, e mesmo unha viaxe ao Caribe para as persoas que se inscriban no "programa Amigo", que ten como obxectivo espallar a viralidade da oferta.