'Tusitala', autor do relato escollido polo xurado, levará unha viaxe a Bruxas para dúas persoas.
Xa hai gañador no Ferve a Rede, e fomos buscalo á froitaría, porque de plátanos vai a cousa. O xurado, formado por Francisco Macías, Xosé Antonio Perozo e Xosé Luís Martínez Pereiro (quen enviou as súas votacións por correo electrónico), elixiu por maioría o relato 'Un quilo de plátanos', do usuario Tusitala, como gañador. O xurado salientou o dominio da lingua oral que se recoñecía no relato e tamén o valor de presentar sen tabús e con atrevemento e picardía a sexualidade nas persoas de máis anos. O gañador levará unha viaxe de tres noites a Bruxas para dúas persoas. Gozará do paquete romántico do Hotel Pond (de catro estrelas), que inclúe almorzo, champagne, unha cea romántica e un paseo en barco polos canais da cidade.
Recordámovos que a maiores, entre todos os participantes, tanto as persoas que enviaron textos coma as que votaron, sorteouse unha estadía dunha fin de semana nunha casa rural próxima á parroquia d'O Sexo, en Agolada. Neste caso, o azar levou o premio ao usuario ou usuaria que agocha atrás do nome "Cogomelo". Parabéns.
Velaquí o relato gañador:
Un quilo de plátanos
Ai, señora Consuelo, véxoa moi ben!
- Ai, filliña, se ti o dis! Desque me falta o meu Manuel, que Deus o teña na gloria, hai que mirar moito por unha...
- Quere que a axude coa bolsa?
- Deixa, deixa... só levo un quilo de plátanos da da Gelina...
- E non lle están moi verdes?
- Ai non! Danme máis xeito así, duriños, un cada noite, cando vou prá cama...
- Pola noite? E non lle sentan mal pra durmir?
- Quita, quita... despois é cando prendo mellor no sono... quédoche moi relaxada...iso si, hainos que untar ben... pra que presten, non sabes?
- Untalos?
- E logo non! Aos meus anos, neniña.... as cousas fanse ben ou non se fan.
- Se vostede o di, señora Consuelo, se vostede o di...