As accións da farmacéutica comezaron sesión co seu valor recortado case á metade.
Hai apenas un mes que o grupo Zeltia publicou as contas do ano 2008, cun aumento das vendas do 23% que se deben en grande medida á comercialización do fármaco Yondelis, que produciu 28 millóns do total de 105 que ingresou o grupo empresarial de capital galego. Un volume que explica a autorización para esta menciña para o tratamento do cancro en Xapón e algúns países da UE. E hai unha semana escasa, Filipinas sumábase ao grupo onde o produto está autorizado e que inclúe por exemplo Arxentina, Colombia, Venezuela, Corea do Sur e Rusia.
Máis logo desas informacións que chimparan a empresa cara a arriba na bolsa, o anuncio este mércores de que o Comité Asesor de Fármacos Oncolóxicos (ODAC) da FDA votase en contra para a aprobación da indicación de Yondelis para o cancro de ovario en Estados Unidos, virou a evolución de Zeltia. Deste xeito, a empresa comezou a sesión este xoves cunha forte caída do 44%, que situou o prezo das súas accións en 2,65 euros, dende os 4,8 euros aos que pechara o mércores.
A Sociedade de Bolsas ampliou hoxe o rango estático de Zeltia até en tres ocasións para favorecer a súa cotización e ante a imposibilidade da compañía de iniciar a sesión e fixar un prezo de apertura, pero a pesar desta decisión, a farmacéutica abriu cunha forte caída. A sociedade ampliouno en primeiro lugar ata o 20%, posteriormente, elevouno ata o 40% e, finalmente, situouno no 50%. A farmacéutica está a rexistrar unha grande volatilidade na súa cotización nos últimos días, xa que na xornada do mércores caera un 6,5%, o martes repuntou un 5,1% e o luns derrubouse un 11,1%. A razón de tanta volatilidade atópase nas diversas noticias que rodean ao medicamento contra o cancro de ovario, Yondelis, que comercializa o grupo, e que marcaron as decisións de inversión nas últimas tres xornadas.