O encontro reunirá ademais a varios Nóbel, como Orhan Pamuk, Nadine Gordimer ou Wole Soyinka, e a investigadores como Chomsky ou Gubern.
A Coruña recibirá entre o 22 e o 26 de setembro a algúns dos pensadores e investigadores máis importantes do momento, que participarán no décimo Congreso Mundial de Semiótica, un evento que ademais conmemorará o 40 aniversario da Asociación Internacional de Estudos de Semiótica, creada por Greimas, Barthes, Jakobson e Umberto Eco. Eco será un dos participantes de máis sona, aínda que a lista de Premios Nóbel é ampla, coa presenza do turco Orhan Pamuk, o nixeriano Wole Soyinka e a sudafricana Nadine Gordimer, así como outros investigadores, como Noam Chomsky e Román Gubern, e escritores, como o autor británico Salman Rushdie.
Espérase que no evento participen máis de mil investigadores de todo o planeta. O congreso terá máis de sesenta sesións vinte en forma de mesas redondas e corenta seccións temáticas, afondando en temas como os imaxinarios urbanos, o discurso das cidades, as artes, a arqueoloxía ou a historia. Tamén se tratarán outros ámbitos, como a semiótica visual, o cinema, a televisión, a biosemiótica, ou a análise do discurso.
Por certo, se alguén está preguntado que é o que estuda exactamente a semiótica, ten que saber que se ocupa dos signos, a súa estrutura e a relación entre o significante e o concepto de significado, é dicir, a base mesma da comunicación e dos mecanismos creados polo home para analizar e explicar a realidade. Entre os investigadores que ao longo da historia se ocuparon do estudo da semiótica están, por exemplo, Umberto Eco, Noam Chomsky, Roland Barthes, Roman Jakobson, Jacques Lacan, Jacques Derrida ou Louis Hjelmslev.