Fermoso peche da novena edición da xuntanza mariñeira, onde varios artistas deixaron pegada mensaxeira ao azar de ventos e correntes.
O vello e recuperado Hydria, atracado estes días no peirao de Muros para participar en distintos actos do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais, navegou este domingo con escritores e artistas varios convidados até a boca da ría. Aló, á vista do Monte Louro e aproveitando o último camiño da marea baixa, deitáronse ao mar textos escritos en galego e inglés, mais un texto xeral de explicación do proxecto e achega de datos de contacto para quen teña a ben dar resposta cando os atope.
Baixo o título "Unha mensaxe ao mar", explica o coordinador do proxecto, Francisco Chisco Fernández Naval, que se trata dunha "instalación creativa, global e oceánica", para a cal os escritores redactaron os textos que posteriormente foron introducidos nos obxectos deseñados por boa parte dos artistas máis recoñecidos actualmente en Galiza. As únicas condicións previas ao seu deseño foron, segundo Naval, "que loxicamente tiveran flotabilidade, que foran estancos e feitos con materiais respectuosos co medio ambiente".
Descargando a sardiña ao xeito tradicional
A xornada do sábado ofreceu outro evento ben xeitoso do que a pé destas liñas poden ver imaxes. Así, o Grupo Municipal de Teatro de Muros, coa axuda da Asociación As Rosalías, representou no peirao da vila a recreación dunha descarga tradicional de sardiña na dársena da vila muradá, dentro dos diferentes actos da terceira xornada do IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. No acto, os mariñeiros recolleron das lanchas xeiteiras o cargamento de sardiña recentemente pescada e, acompañados por unha charanga, camiñaron até o interior da vila para simular a venda do peixe e tomarlle unha cunca de viño.