Polo seu lado, Ramón Villares defendeu o papel "asesor" da institución na política cultural, sen "intrusismo" en áreas "privativas" do Goberno.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reivindicou este xoves a normalización lingüística "en liberdade" e demandoulle ao Consello da Cultura Galega (CCG) a súa "implicación" para facerlle fronte, "con éxito", aos dous "retos" que ten Galiza para a súa "internacionalización": o Ano Santo 2010 e o proxecto da Cidade da Cultura.
A "liberdade" que permitirá "superar as mil primaveras máis de Cunqueiro"
Feijoo clausuraba os actos do XXV aniversario do CCG, ao que se referiu no seu discurso como unha institución "determinante e central" para a cultura de Galiza. Con ela, asegurou, "comparte" a Xunta o "soño" dunha normalización "en liberdade" da lingua galega. Por iso, apuntou que contará "sempre" coas súas "propostas" para a promoción do galego, que identificou como "máximo expoñente" cultural.
O xefe do Executivo converteu a súa intervención nunha alegación a favor da liberdade como "elemento" que, na súa opinión, permitirá a Galiza "superar as mil primaveras de Cunqueiro". "Hoxe os galegos son como queren ser, son gobernados de acordo coa súa vontade, e sen necesidade de que ninguén mitifique os seus desexos", proclamou, baixo a atenta mirada de representantes de todos os ámbitos culturais galegos. Nesta liña, Núñez Feijóo asegurou que as "misións de resistencia cívica" son "innecesarias" a día de hoxe, e acrecentou que até poden resultar "prexudiciais" na pretensión de "evitar que rompan" os vínculos entre "unha cidadanía libre" e a súa expresión "cultural".
Neste escenario, volveu defender a "liberdade e pluralidade" da cultura galega, sinalando que esta "liberdade" esixe "respecto cordial" polas "diferentes formas de entender o feito cultural", sen recorrer "a un canon que limite" ou a un "monolingüismo" que, ao seu xuízo, "tropeza" coa realidade galega.
"Somos unha nación-cultura"
Coa súa intervención, Feijoo respondeu, en parte, aos discursos pronunciados por quen o antecedeu no uso da palabra. Entre estas persoas atopábase o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, quen reivindicou o papel da institución como "asesora" das políticas públicas en materia cultural, sen vontade de "intrusismo nin intervencionismo" en áreas "privativas" do Executivo.
Ademais de asesorar e avaliar, Villares resaltou a función do CCG na promoción exterior de Galiza. "Se somos unha nación-cultura, que o somos, a aposta neste sentido debe ser explícita", asegurou o presidente do CCG, lembrando que "ser diferente é ser existente" porque, incidiu, as diferenzas hoxe "non son excluíntes".
"A cultura galega é un ben intanxíbel, un tesouro como o que gardaban os 'mouros' de Cunqueiro", continuou Ramón Villares e recordou que este é o "tesouro" que é necesario "coidar e transmitir" ás novas xeracións. "Empezando polo impagábel recurso que supón ter a nosa lingua propia", recalcou.
No acto tamén interveu un dos membros do primeiro plenario do Consello, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, e o que foi conselleiro de Educación e Cultura da Xunta cando se aprobou a Lei de creación da institución, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. Tamén interveu o ex presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, quen asegurou que "o ser" de Galiza "depende" da "existencia" da súa cultura. "Se a súa cultura morre, Galiza desaparecerá do mapa espiritual do mapa espiritual de Europa", concluíu.