Unha nova guía de viaxe explora o seu patrimonio natural, monumental e cultural, con detalladas descricións dos máis variados itinerarios á súa beira.
Armada ofrece unha ferramenta para coñecer de primeira man ao "pai dos ríos galegos"
Logo de varias publicacións para camiñantes, o montañeiro e amante dos roteiros, Paco Armada, publica a súa última achega para os viaxeiros co Miño como protagonista. Itinerarios seguindo o río Miño é o título deste libro publicado por Xerais que ofrece descricións de diferentes sendas, a pé ou a coche, ao longo de preto de 1.000 quilómetros de percorrido.
Localidades bañadas polas augas miñotas, monumentos, historia, áreas de esparexemento, excursións a lugares de interese, roteiros... Esta guía ofrece mapas, máis de 400 fotografías e unha nova visión sobre o patrimonio natural, monumental e cultural deste río que nace na serra de Meira (Lugo) e desemboca na Guarda (Pontevedra).