O presidente da Xunta rexeita a proposta, pero admite que contempla a opción de "non asinar" o novo modelo de financiamento. "Se saímos a empatar, perdemos", agoira.
Co aval do consenso previo entre os grupos parlamentarios reuníronse esta quinta feira en Compostela o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez. A xuntanza chegaba despois da reunión este mércores do presidente co secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez, e logo de que Feijoo anunciase que esa mesma xornada pola tarde xa se lle enviaran á ministra de Economía e Facenda os números que reclama Galiza no debate aberto sobre a reforma do financiamento autonómico.
Neste contexto, o líder do BNG chegou ao encontro cunha nova proposta concreta ao respecto da avaliación dos fondos necesarios para Galiza, cantidade que cifrou no 7,8%, por riba do 7,1% que foi deica agora punto de encontro das forzas políticas. Argumentou Vázquez que se trata da porcentaxe que recibe Galiza e que se remonta a 1999, ano base do actual sistema financiador. Na opinión de Guillerme Vázquez trátase dunha porcentaxe "irrenunciábel" para garantir a suficiencia financeira e o peso relativo do país no conxunto do Estado. Subliñou Vázquez que a súa formación non apoiará nin a oferta do goberno español nin un acordo que rabuñe "un algo máis de 30 ou 50 millóns".
Feijoo pídelle a Salgado 137 millóns máis
Ao respecto deste punto, o presidente da Xunta cualificou de problema para o consenso que se "propoñan cousas que non se propuxeron nunca", en referencia á nova cifra achegada polo Bloque. Nese sentido, cinguiuse ao acordo pechado no seu momento no Parlamento. "Ambicioso si, pero fiel ao mandato parlamentario, porque é máis importante ter a razón que presentar unha porcentaxe que a todos nos gustaría", retrucou Núñez Feijoo. Con todo, admitiu o presidente que mantén aberta a opción de "non asinar" o novo modelo de financiamento.
"Non pode ser que o goberno español expida 25 ou 30 mil pasaportes máis a emigrantes e que isto non compute no financiamento", valorou Feijoo. Así, e tal e como fixera o día anterior, destacou a reclamación de inxección económica adicional derivada do peso da poboación emigrante en Galiza. De paso, recordou que na proposta enviada a Madrid, a Xunta esixe por este concepto 137 millóns de euros adicionais.
"Galiza non lle debe nada ao resto, senón que o Estado llo debe a Galiza co paso dos anos", indicou pola súa banda o líder dos nacionalistas, insistindo na necesidade de maior autonomía fiscal para o país. Unha arela na que citou como imprescindíbel a recadación de fondos propios a través dunha axencia tributaria galega.