O conselleiro, Jesús Vázquez, sinalou que o seu departamento está a analizar "moitos milleiros e milleiros" de enquisas feitas aos pais e nais de toda Galiza.
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, descartou que o seu departamento manexe "datos baixos" na consulta aos pais sobre o idioma e avanzou que existen "moitos miles e miles"de datos, polo que considerou que se trata dunha opinión que "sempre vai ser tida en conta" ao tratarse dunha enquisa "feita en liberdade".
Así, Vázquez confirmou que "hai unha cantidade de caixas perfectamente ordenadas" en Educación sobre a consulta feita aos pais con respecto ao idioma no que queren que estuden seu fillos, pero aclarou que non se sabe a participación" e que esta se ha dar a coñecer "no momento no que estean tramitadas as consultas coas cartas que se enviaron".
Vázquez fixo estas declaración na inauguración, en Ourense, da exposición "As nosas palabras, os nosos mundos", acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; o delegado territorial da Xunta de Galiza en Ourense, Rogelio Martínez; a edil de Educación do Concello de Ourense, Ana Garrido e o presidente da Deputación Provincial, Xosé Luís Baltar. Alí, o conselleiro tamén recalcou Galiza conta con dúas linguas e un "marco de convivencia lingüística de referencia para outras culturas", e avogou por "defender esta pluralidade" como "un dos obxectivos da exposición". Mentres, Baltar retrucoulle, facendo unha chamada ao consenso sobre o galego, afirmando que a nosa lingua é "un elemento fermoso" que se debe "coidar e pór en valor, sempre dende a unidade, o consenso e dende a capacidade de unir e non dende a disputa ou a disgregación".