"Moción = corrupción" é un dos lemas que puideron lerse na mañá deste martes no auditorio Lois Tobío, no Concello de Gondomar, onde se convocou o pleno municipal para a votación da moción de censura presentada conxuntamente polos concelleiros de PP, PSOE e Move Gondomar.
O lugar quedou ateigado de veciños, que recibiron entre berros de "Alcalde, alcalde!" o actual rexedor, Antón Araúxo (BNG). Posteriormente, atrasouse o inicio da votación logo da tensa situación e os berros contra os edís que avalan a moción e que, para evitar a entrada no medio da xente, accederan de madrugada ao recinto do auditorio onde agardaron até á hora fixada para o debate, as 12h.
Arrebolaron entón fotocopias de billetes polo aire mesturados coas acusacións de "corruptos" e comezou o pleno. Paradoxalmente, o propio candidato a alcalde do PP, Martín Vicente Urgal, renunciou a facer o habitual uso da palabra para a xustificación da moción de censura, polo que non se produciu debate senón simplemente votación para a posterior toma de poder. Pola súa parte, o líder do grupo municipal do PSOE votou cunha rosa vermella na man.
"O pobo respondeu" Na súa intervención, o alcalde saínte, o nacionalista Antón Araúxo, agradeceu o apoio dos veciños á súa xestión e cualificou de exemplo de "civismo e democracia" a protesta pacífica mantida na vila durante os últimos días en denuncia por esta moción de censura. "O tempo poñerá a cada quen no seu sitio", advertiu Araúxo.
Por outro lado, a voceira comarcal do BNG, Manuela Rodríguez, definiu de "cobardía" a actitude mantida polos edís de PP e PSOE, e chamou a atención tamén sobre a práctica inexistencia de persoas en apoio da moción no medio dun auditorio cheo de veciños. De paso, chamou a atención sobre a renuncia ao uso da palabra do que xa é novo alcalde, Martín Urgal (PP).
"Non fundamentaran até o de agora a moción de censura e non o fixeron hoxe tampouco", reprochoulles, "apenas alegaran un presunto desgoberno que ninguén percibía en Gondomar e o único que sabemos do que queren facer é a recuperación dun plan urbanístico xa freado pola xustiza". "Parece que só teñen présa por responder a quen sabe que intereses especulativos e favores que se cadra quedaron a deberlles aos seus amigos promotores", denuncia Manuela Rodríguez. A voceira do Bloque na comarca de Vigo tamén critica que o PSOE "aínda non expulsou" os concelleiros tránsfugas.