Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Informe Innova 2009

As empresas innovadoras galegas non apostan polo cambio

Segundo un estudo, as firmas teñen unha visión optimista sobre a infraestrutura de I+D+i pero carecen dunha estratexia a longo prazo.

Redacción - 11:00 05/07/2009

Máis da metade das empresas innovadoras do país consideran que en Galiza hai unha infraestrutura científico-tecnolóxica "aceptábel". Porén, só unha de cada dez parece estar orientada ao servizo á clientela e á creatividade. Son algunhas das conclusións do informe Innova 2009, Capacidade de I+D+i das empresas galegas, elaborado pola consultora Inova e o grupo de investigación da Universidade de Vigo.

O estudo baseouse na opinión de 50 empresas do país que participaron algunha vez nalgún proxecto que implique innovación, e repartidas en 14 sectores industriais de referencia. O seu obxectivo foi analizar a situación actual das capacidades empresariais precisas para promover o I+D+i no contexto empresarial.

Os resultados están, polo xeral, bastante igualados. Así, o 54% das empresas consideran que hai unha infraestrutura axeitada de servizos científicos e tecnolóxicos no país, mentre sque máis da metade tamén pensa que é insuficiente a rede de organismos de apoio á innovación empresarial.

Tamén é positiva a visión dos medios públicos de financiamento de innovación, aínda que consideran que os trámites son complexos e que a dotación é insuficiente. Hai división de opinións no que se refire ao papel das entidades financeiras á hora de facilitaren o labor das empresas.

O socio director de Inova Alberto Casal explicou que se chegou á conclusión de que só o 10% das empresas innovadoras teñen consolidada unha actitude positiva cara ao cambio. Do mesmo xeito, só tres de cada 10 din ter unha estratexia de I+D+i documentada a medio e a longo prazo. Tamén, a pesar de que só o 19% di contar con partidas específicas para a materia no seu orzamento, o 56% afirma que dispón dos medios tecnolóxicos precisos para innovar. No que respecta ao persoal, máis da metade das firmas teñen, cando menos, unha persoa dedicada exclusivamente ao I+D.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: