Son cartos destinados a que as tres institucións académicas do país adapten os seus plans de estudo ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
A Xunta destinará un total de 533.600 euros para a elaboración e preparación dos novos plans de estudos dentro do novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) nas tres universidades galegas, mediante un convenio entre as institucións educativas e a Consellaría de Educación.
O Consello da Xunta autorizou este convenio, asinado o pasado mes de maio polo titular de Educación, Jesús Vázquez e os reitores das tres universidades, co obxectivo de "financiar medios que definan os diferentes plans" de estudo e os "criterios de avaliación" dentro da nova ordenación universitaria. Así, o deseño de sistemas de avaliación de competencias; as consultas externas para a elaboración de plans de estudo; procedementos de acollida e orientación de estudantes; a creación de indicadores de gradación, abandono e eficiencia das actuais titulacións; ou de sistemas de apoio a alumnos con discapacidade; serán algunhas das liñas subvencionábeis -cuxos proxectos deberán entregarse antes do 30 de outubro-.
Concretamente, da partida total, uns 199.251 euros van destinados á Universidade de Santiago (USC), uns 168.663 á Universidade da Coruña (UdC), e uns 165.684 á Universidade de Vigo (Uvigo). O criterio de reparto será do 35% en función do número de matriculados no curso 2008-2009; o 30% en función da cantidade de titulacións oficiais; un 5% pola media de estudantes por titulación; e outro 5% por número de sedes. Finalmente, o 25 por cento restante distribuirase de forma lineal entre as tres universidades galegas.
Doutra banda, o Consello da Xunta autorizou a firma dun convenio de colaboración entre a entidade financeira Caixanova e a Consellaría de Educación destinado á concesión de 40 premios -20 ao esforzo e superación e outros 20 ao rendemento académico-, ao alumnado de educación secundaria obrigatoria. Cada unha das partes entregará 20 computadores portátiles destinados aos premios, para o que Educación comprometeu un total de 18.256 euros para a súa adquisición.