Dálle a razón ao Estado Español e á súa Lei de Partidos, desestimando finalmente o recurso presentado por Batasuna en decembro de 2007.
Na sentenza que avala a ilegalización de Batasuna o Tribunal de Dereitos Humanos, situado en Estrasburgo, defende que o obxectivo deste colectivo era "completar e apoiar políticamente a acción de organizacións terroristas para perturbar a orde constitucional e alterar gravemente a paz pública". Segundo informa Europa Press a sentenza di que a ilegalización se debeu a "unha necesidade social imperiosa" e fíxose coa intención de "manter a seguridade pública, a defensa da orde e a protección dos dereitos e as liberdades dos cidadáns".
Nesa liña a sentenza defende que rexeitar a condena da violencia pode considerarse como "un apoio tácito ao terrorismo, nun contexto de terrorismo que existe dende hai máis de 30 anos e que é condenado polo resto de partidos políticos". Nesta liña utilizáronse como principais argumentos feitos como a participación en marchas a prol de ETA e tamén lles atribúe cánticos como "viva ETA militar" ou "vós fascistas sodes os terroristas".
Louvanzas á Lei de Partidos
A sentenza tamén fala positivamente da Lei de Partidos, ao afirmar que "define dun xeito preciso a organización e o funcionamento dos partidos políticos e aqueles comportamentos que poderían provocar a súa disolución ou suspensión xudicial". Tamén afirma que "un partido político cuxos responsábeis incitan a recorrer á violencia ou propoñen un proxecto político que non respecta unha ou varias regras da democracia ou que busca a súa destrución e o descoñecemento dos dereitos e as liberdades que esta recoñece, non pode aproveitarse da protección da Convención Europea de Dereitos Humanos".
11.10 horas: O Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo fallou a favor do Estado Español na avaliación do recurso interposto por Batasuna en decembro de 2007, segundo informaron fontes xurídicas. O recurso presentado por Batasuna protestaba contra a decisión tomada polos Tribunais Supremo e Constitucional de ilegalizar a formación, usando a Lei de Partidos para impedirlle concorrer ás eleccións.