Até o día 4 de xullo a quinta edición deste festival encherá as rúas, teatros, e prazas viguesas de colorido e música.
O jazz asolaga estes días as rúas viguesas
As rúas de Vigo tínguense estes días do colorido que trae consigo o festival Imaxina Sons'09, que cumpre neste ano 2009 a súa quinta edición. Polas prazas e teatros vigueses pasarán algúns destacados artistas internacionais como Charles Lloyd, Jacobo de Miguel & Tony Risco, Rita Marcotulli, Anouar Brahem, Miroslav Vitous, Agustí Fernández, Marc Ducret, Lucas Niggi ou Carlos López, entre outros.
O festival Imaxina Sons naceu hai xa cinco anos, coa intención de atender as demandas das e dos afeccionados, servir como escaparate do jazz máis próximo e vangardista, acadar a implicación da cidadanía e captar a atención da crítica especializada. Co paso do tempo foise ampliando a oferta musical do festival, que hoxe vai dende o frío nórdico á suavidade mediterránea, pasando pola flegma británica ou o sotaque do alén Miño.