Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncian unha “criminalización da mocidade”

Organizacións xuvenís recomendan consenso para as modificacións da Lei de Drogas

Xuventudes Socialistas e Galiza Nova consideran que a consellaría de Sanidade priorice a "criminalización" por diante da "prevención".

Redacción - 15:00 29/06/2009
A secretaria xeral de XXSS, María Torres

A secretaria xeral de XXSS, María Torres

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, expuxera, hai xa quince días no Parlamento, as intencións do seu departamento de modificar, na presente lexislatura, a Lei de Drogas, unha normativa que, entre outras medidas, podería elevar dos 16 aos 18 anos a idade legal para o consumo de alcol e restrinxir o consumo destas substancias na vía pública. Porén, agora comezan a chegar as protestas dos colectivos da mocidade.

Galiza Nova critica Sanidade por non contar co consenso das organización xuvenís
Unha destas denuncias chegou dende Galiza Nova. A súa secretaria xeral, Iria Aboi, ofreceu esta segunda feira unha conferencia de prensa na que criticou o anuncio feito por Farjas e amosou a súa desconformidade ante estas declaracións "no fondo e na forma", indicando que se trataría dunha reforma que "rescata as receitas máis rancias, como a lei do botellón impulsada por Aznar". "Os tempos cambiaron", recalcou Aboi, "e se esas receitas non foron válidas daquela, tampouco o son agora. A prohibición non foi a solución daquela e tampouco vai axudar agora".

No referido á prohibición de beber na rúa, Iria Aboi indicou que o que se está a facer é "diferenciar entre consumo malo e consumo bo" e preguntou á titular de Sanidade se vai prohibir tamén o consumo de bebidas alcólicas na rúa nas festas populares. Nesta liña, indicando que "xa que se están a poñer de moda as enquisas", continuou, "poderían facer unha consulta para ver o que lle parece aos cidadáns todo isto", dixo, "levarán unha sorpresa". Aboi tamén criticou que o Goberno adopte este tipo de medidas restritivas sen facer "ningún tipo de proposta para as alternativas de lecer da mocidade", e sancionou o feito de que a consellaría non se tivese posto en contacto coas organizacións xuvenís para lles comunicar a súa intención de reformar a lei.

Xuventudes Socialistas láianse da "actitude paternalista e criminalizadora" da conselleira
No mesmo sentido protestaron dende as Xuventudes Socialistas de Galiza, ante o anuncio da reformulación da Lei de Drogas, laiándose da "actitude paternalista e criminalizadora" da Consellaría de Sanidade.

Nesta liña, a secretaria xeral de XXSS, María Torres, destacou que o anuncio feito por Farjas supón "un duro ataque ás liberdades individuais dos maiores de 16 anos" xa que, no canto de propoñer xeitos de salvar o conflito social que xeran feitos coma o botellón, a partir da a creación de "espazos de diálogo", "criminaliza a mocidade". "O PP está volvendo a época de Aznar, con ataques directos á mocidade", recalcou Torres, do mesmo xeito que o fixeron dende Galiza Nova.

Torres tamén lle pediu á conselleira da Sanidade que non aprobe as normas de xeito "unilateral", senón que "dialogue e consensúe cos axentes sociais estas posibles modificacións".


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: