Dentro das políticas de austeridade do Goberno enmárcase a reestruturación do parque móbil que non está a ser empregado polos altos cargos.
O Consello da Xunta autorizará a vindeira quinta feira á consellería de Presidencia para que inicie o proceso de venda dos 23 vehículos de alta gama do parque móbil que non están a ser empregados por cargos da Administración.
A autorización chega despois de realizar un estudo de necesidades e constatar que "non eran necesarios" e que tiñan un alto custo para as arcas autonómicas. En 2008 os gastos de mantemento destes coches foron de 360 mil euros, segundo o novo Goberno.
Unha vez dados os permisos, Presidencia iniciará "de inmediato" o proceso de venda, a través dun procedemento "aberto" e "transparente" que garanta a "libre concorrencia". Segundo a Xunta, esta venda non significará novas adquisicións: "en ningún caso se adquirirán novos vehículos para uso dos altos cargos, xa que a dotación actual é suficiente para facer fronte ás necesidades", recalcaron dende o Goberno.