Subliñou o traballo, entrega e patriotismo de Tarsy Carballas, Fernando Diz-Lois, Luciano García, Fernando Pérez-Barreiro Nolla e Marcos Valcarcel.
No vixésimo quinto aniversario da volta dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres, o presidente da Xunta fixo entrega das medallas que levan o nome do insigne galeguista e que distinguen a obra de cidadáns galegos, "tanto no eido artístico, como literario, doutrinal ou en calquera outra faceta da actividade humana".
Nun coidado discurso, Alberto Núñez Feijoo apelou en reiteradas ocasión á necesidade de inscribirse nun galeguismo cordial, subliñando que segue a conformar "a alma ideolóxica do país". Así, avogou por facer del "un punto de encontro" das pluralidades que conviven na nosa terra: "a autonomía segue sendo un roteiro orientado ao porvir", dixo, "e o galeguismo a nosa principal bagaxe para percorrelo".
Con todo, incidiu na importancia de "adaptar" ese pensamento "á pluralidade social", de xeito que "a cordialidade social permita "non só reafirmar aos convencidos, senón incorporar aos indiferentes e mesmo buscar a complicidade dos reticentes". Nunha alocución na que non faltaron referencias a Gandhi, Luther King ou Nelson Mandela, Feijoo apelou a Ramón Piñeiro para recordar que "non era necesario ser afín ao Partido Galeguista para sentirse atraido por Castelao".
O gran reto: fortalecer o galeguismo
Finalmente, dixo que "cómpre superar a tentación de facer do galeguismo un reduto selectivo, ou unha distinción que algúns reparten con avaricia". "Non hai unha forma única de entender o amor á nosa terra nin de interpretar o noso: non hai un único baremo de galeguismo". Nesta liña, o máximo mandatario galego asegurou que "o gran reto deste tempo é fortalecer un galeguismo que se achegue ao país máis como alumno que como mestre".
Así, concluíu: "tendo como temos un autogoberno democrático que xa superou a súa adolescencia, as interpretacións sobre o que somos teñen que partir da realidade, aínda que iso obrigue a revisar presupostos nados en tempos en que o país non tiña voz. Hoxe tena e cómpre escoitala".
Pegada dos premiados
Nun acto no que non faltaron representantes institucionais, da sociedade, da política e da cultura galegas, os galardonados agradeceron o recoñecemento. Foron a investigadora Tarsy Carballas; o doutor e internista Fernando Diz-Lois Martínez: o médico e etnógrafo Luciano García Alén; o tradutor Fernando Pérez Barreiro Nolla (autor de algúns artigos de opinión en Vieiros); e o investigador e divulgador da cultura galega Marcos Valcárcel López.
Na súa intervención, Feijoo valorou a súa traxectoria e a súa entrega a Galiza, na que tamén recoñeceu o seu galeguismo: “o traballo agrobiolóxico de Tarsy Carballas, que nos permite coñecer mellor o humus do que estamos feitos, é galeguismo; a devoción médica do doutor Fernando Diz-Lois é galeguismo; é galeguista a inquedanza que latexa no labor humanista de Luciano García Alén; Marcos Valcárcel, a quen alguén chamou axeitadamente o ‘intelectual elegante’, personifica o galeguismo; e existe outro galeguismo políglota e cosmopolita que leva a Fernando Pérez-Barreiro Nolla a sacar a Shakespeare do Globe londinense, para traelo á nosa lingua”.