Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO UN NOVO SITIO DE INTERNET

Galiza acapara a meirande parte das axudas comunitarias de pesca

As embarcacións do porto de Vigo son as que recibiron máis subvencións nos últimos anos, cunha achega de 238,4 millóns de euros.

Redacción - 12:00 26/06/2009
O porto de Vigo lidera o listado dos que máis axudas europeas recibiron, cun total de 238,4 millóns de euros (1994-2006)

O porto de Vigo lidera o listado dos que máis axudas europeas recibiron, cun total de 238,4 millóns de euros (1994-2006)

A Política Pesqueira Común (PPC) repartiu entre os anos 1994 e 2006 un total de 8.500 millóns de euros entre os países membros da Unión Europea. Desta cantidade, máis da metade foi parar ao Estado Español, que contaba cunha flota de 13.021 barcos ao comezo de 2007. E Galiza contou cun papel fundamental neste reparto, de tal xeito que Vigo foi o porto que máis subvencións europeas recibiu de toda a Unión Europea.

Estes datos deunos a coñecer un novo sitio de internet chamado Fidhsubsidy.org e que está promovido pola organización non gobernamental Pew Environment Group (PEW). O seu obxectivo é crear conciencia e impulsar debates de fondo sobre a Política Pesqueira Común e sobre os subsidios, coa premisa de que ao aumentar a capacidade da flota estase a contribuír á sobrepesca.

Portos máis subvencionados
O sitio web elabora unha relación dos dez portos que máis axudas comunitarias recibiron e cinco deles son galegos. As embarcacións de Vigo percibiron 238,4 millóns de euros. Logo de Huelva, Las Palmas e Ceuta, o quinto volve ser galego: Santa Uxía de Ribeira, con 81,2 millóns. Séguelle Bermeo e o sétimo é A Coruña, con 49,4 millóns que, ademais, ocupa o oitavo posto dentro da lista europea ao que chegaron máis subvencións pesqueiras. Finalmente, Celeiro é a última das bases pesqueiras galegas que aparece no listado das 10 máis subsidiadas,cun total de 45,9 millóns de euros.

Cartos para construír máis barcos, non para a sustentabilidade da pesca
Fishsubsidy.org amosa que entre 1994 e 2006, o Estado Español recibiu o 48% de todas as axudas pesqueiras da UE e que o 46% destes cartos empregouse en construír barcos pesqueiros novos. Dende PEW lamentan este dato: "en lugar de fomentar unha pesca sustentábel, as subvencións contribuíron a que a flota teña unha capacidade cada vez maior e, á súa vez, á diminución de valiosas poboacións pesqueiras", dixo o director de investigacións do programa mariño europeo desta entidade, Markus Knigge.

Ademais da construción de novas flotas, os fondos europeos empregáronse tamén nun 14% para modernizar as antigas. Pola contra, só o 36% dos cartos foron destinados ao desmantelamento ou á redución do tamaño dos barcos, denuncian. Deste xeito, denuncian que "os subsidios para a modernización manteñen e mesmo multiplican a sobrecapacidade, algo que se volve perigoso cando os barcos capturan a súa cota anual en tres semanas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: